Non todo son boas noticias en Pontevedra Club de Fútbol, que tras a machada conseguida en Copa do Rei marcha de vacacións cunha novidade amarga, a gravidade da lesión de Adrián Cruz.
O centrocampista granate retirouse lesionado do último encontro de liga, fronte ao Coruxo, informando entón o club que Cruz arrastraba unha doenza muscular nos abdutores da súa perna esquerda.
As sensacións non eran positivas, e as probas ás que foi sometido nos últimos días o de Moaña confirmaron os malos presaxios, e é que estará preto de dous meses afastado dos terreos de xogo.
Segundo confirmou o Pontevedra, Adrián Cruz sofre unha "lesión na inserción de abdutor maior con retracción", cun tempo estimado de recuperación de 8 semanas sempre que se cumpran os prazos previstos. De ser así, a pesar de coincidir co parón de Nadal, o canteirán perdería a competición prevista para todo o mes de xaneiro e polo menos a metade de febreiro, ou o que é o mesmo os encontros ante Cádiz na Copa do Rei xunto aos de Guijuelo, Ferrol, Unionistas, Celta B e Zamora en liga.
Todo un problema para Jesús Ramos, se se ten en conta que a súa ausencia únese á de Romay, lesionado de gravidade, deixando con poucos efectivos a zona medular do equipo.