Diego Seoane: "O Pontevedra ten fútbol para gañar partidos e estar tranquilo en Primeira RFEF"

Pontevedra
15 de novembro 2022

O lateral do Pontevedra disputou o pasado domingo en Manresa os noventa minutos de partido por primeira vez nesta tempada e móstrase feliz por deixar atrás unha lesión na pube que o tivo afastado dos terreos de xogo durante cinco meses

Diego Seoane, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Ceares Cristina Saiz

O calvario que pasou Diego Seoane durante os últimos meses toca ao seu fin. O lateral disputou o pasado domingo en Manresa os noventa minutos de xogo por primeira vez esta tempada e a lesión na pube que arrastra desde a tempada anterior parece que xa quedou por fin no pasado. 

"Imos pasito a paso, aínda arrastro algo pero iráseme quitando aos poucos. Estou moi contento porque pasei moito tempo recuperándome desta lesion e houbo momentos nos que non sabía que ía pasar. Pero xa vexo a luz", respira con alivio o ourensán.

Botando a vista atrás, recoñece Seoane que as necesidade do equipo no pasado curso por dar caza ao Adarve e asegurar o ascenso directo levouno a forzar demasiado e agravar unha lesión que lle impediu realizar a pretemporada ao mesmo ritmo que os seus compañeiros. "Acabei o partido de Coruxo ben, pero o luns tiña unha dor do leite e sorprendeume porque non notei nada durante o partido", lembra o defensor. "Logo xoguei tres partidos máis: Langreo, Adarve e Salamanca. Neses partidos xa estaba lesionado, pasaba a semana entre algodóns e logo competía a fin de semana. Pero o que máis factura pasoume foi contra o Salamanca, se o chegase a saber pensaríamo", confesa.

Co ascenso no peto, Seoane comezou un traballo de reparación a contrarreloxo para comezar o curso seguinte en plenas condicións. "Estiven a traballar todas as vacacións", pero foi imposible recuperarse a tempo.

O seu debut en Primeira Federación atrasouse ata a xornada 9 contra a Cultural Leonesa. "Probei e foi complicado. Tiven que parar unha semana e veume ben. Agora a ver se xa vai todo rodado", desexa o exxogador do Racing de Ferrol.

No último partido do cadro granate conseguiu por primeira vez en cinco meses competir durante os noventa minutos. "En Manresa na primeira parte atopeime mellor do que esperaba fisicamente. Na segunda custoume máis porque levo cinco meses parado. Pero coa experiencia sabes gardar a posición e tapar buracos. Estou contento e a medio prazo volverei ser o juegador que quero", promete.

Clasificarse para a seguinte rolda da Copa do Rei reforzou tanto a moral do xogador como a do resto dos seus compañeiros. "É moi importante porque eles levaban tempo sen perder na casa e veunos ben para a cabeza por gañar un partido con tres goles fóra de casa e porque fomos agresivos en defensa e en ataque. Esta é a liña para seguir, esperamos con ganas o sábado", asegura.

Aínda que a Copa non é un dos principais obxectivos do conxunto de Pasarón, recoñece Seoane que quedar fóra contra un equipo de inferior categoría "sería un pau".

Este mércores o vestiario seguirá con moita atención o sorteo previsto para as 17 horas na sede da RFEF en Las Rozas. "Vai ser bonito xogar un partido de copa contra un equipo de superior categoría, pero logo hai que ser superior no campo, que iso é outra cousa. O que veña benvido será, nós temos que ser fortes no noso campo e que non nos dea medo un rival superior. Pódeselle gañar a calquera", subliña.

O foco téñeno posto os xogadores no próximo partido de liga e non nega Seoane que a actual marcha do equipo pesa no ánimo dos futbolistas. "Os xogadores e o corpo técnico.somos os primeiros preocupados", afirma. Con todo, o defensor é optimista. "Sabemos o equipo que temos e que sendo agresvios e igualando en intensidade ao rival, o Pontevedra ten fútbol para gañar partidos e estar tranquilo en Primeira RFEF".

Ademais, o sábado tratarán de furgar na ferida do Fuenlabrada. O equipo recentemente desdendido de Segunda División "non veñen en boa dinámica e temos que dar unha marcha máis e facernos co partido", demanda Seoane. 

Para logralo, será fundamental contar co alento da inchada de Pasarón. Unha sensación que o defensa sente pola rúa, pero que contrasta co aspecto desanxelado que ás veces amosa o coliseo do Lérez.

"Pola rúa noto un ambiente de fútbol en Pontevedra que é bonito. A xente sempre está pendente do Pontevedra e a min encántame. Queremos darlle unha alegría porque llo merecen", sostén o lateral, que nos dous anos que leva vivindo en Pontevedra deuse conta de que "a xente é moi do Pontevedra e que hai moita xente: Pero logo dáme rabia ver pouquiña xente no campo. Co sentimento que hai e o estadio que temos, podería ser moi bonito", conclúe Diego Seoane animando a todos os seguidores do club para acudir cada domingo ao estadio.