'Devolvendo o golpe', o documental sobre a historia de Aarón González, de preestrea

Marín
22 de xullo 2021

Será unha preestrea reservada só para patrocinadores, amigos, familia e mecenas no cine de Seixo. Despois, o documental sobre a vida do boxeador marinense Aarón González estará presente no circuíto galego de festivais e en setembro volverá a Seixo para a súa estrea pública

Presentación da preestrea do documental 'Devolvendo o golpe' Concello de Marín

O cinema de Seixo vivirá este venres 23 de xullo unha xornada especial, coa preestrea do documental 'Devolvendo o golpe', que narra a historia de superación do boxeador marinense Aarón González.

O traballo audiovisual, con selo local do produtora Trece Amarillo e do xornalista Carlos Prado como director, conta coa colaboración económica do  Concello de Marín e cunha serie de mecenas tras unha campaña de financiamento.

Precisamente os colaboradores e patrocinadores, xunto amigos e familia, serán os protagonistas dunha estrea marcada polas restricións derivadas da pandemia. Por ese motivo, para cumprir o aforo, está previsto realizar tres pases a partir das 19.00 horas.

"Queremos facer este primeiro pase para todas aquelas persoas que participaron no crowfounding que impulsamos para finalizar de sacar adiante o proxecto", sinalou o director do proxecto na presentación desta preestrea e tras recibir o apoio de 122 mecenas que achegaron 5.730 euros.

A actriz e presentadora Mayka Braña será a encargada de conducir o acto, tras o que o documental iniciará unha xira polo circuíto galego de festivais para volver en setembro a Seixo para a súa estrea pública.

"Apoiar un proxecto como este é sinónimo de apoiar á cultura feita desde Marín e cunha mensaxe clara de superación, cuns valores importantísimos como son os que traslada Aarón e a súa familia", asegura a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

'Devolvendo o golpe' céntrase nas dificultades que tivo que superar Aarón González, atropelado gravemente aos 10 anos e que foi derrubando obstáculos ata cumprir o seu soño de ser campión de España de boxeo.