Desvelado o camiño que lle espera ao Arxil na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge

Pontevedra
12 de abril 2022

O conxunto pontevedrés, que finalizou a fase regular da Liga Feminina 2 en terceiro posición, medirase en Melilla no play-off ao Fustecma Castellón, ao Vega Lagunera Adareva e ao Geieg

Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Adareva
Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Adareva Cristina Saiz

A Federación Española de Baloncesto deu a coñecer a folla de roteiro da fase de ascenso á lLga Feminina Challenge que se celebrará do 21 ao 24 de abril en Melilla.

Alí estará o Club Baloncesto Arxil tras finalizar a fase regular da Liga Feminina 2 na terceira posición.

O conxunto pontevedrés quedou encadrado no Grupo A de o play-off xunto ao Fustecma Castellón (2º da liga regular B), o Vega Lagunera Adareva canario (2º da liga regular A) e o GEiEG catalán (5º da liga regular  B).

O sistema de competición da fase de ascenso será unha liguiña a unha volta na que os dous primeiros clasificados de cada grupo accederán ás dúas finais directas polo ascenso cos equipos clasificados do grupo contrario.

Segundo estableceu a Federación, o Arxil debutará o xoves 21 de abril (11.00 horas) fronte ao GEiEG, o venres 22 medirase ao Adareva tinerfeño (13.15 horas) e o sábado 23 fará o propio co Fustecma Castellón (13.15 horas).

O outro grupo da fase de ascenso compóñeno o club anfitrión, o Melilla Sport Capital La Salle, xunto a ISE Costa de Almería, Unilever Viladecans e Anagan Casablanca Stadium.