Máis de ano e medio despois de que se iniciase o conflito nas Piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, empeza a verse o final do proceso.
Tal e como confirmou a PontevedraViva o máximo representante da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño, as partes afectadas (os traballores da antiga concesión) chegaron a un acordo coa empresa para retirar as denuncias tanto individuais como colectiva unha vez recibiron as cantidades que previran e evitando chegar así ao xuízo que estaba fixado para o próximo 30 de novembro.
Desta forma, desbloquéase "o último obstáculo" que quedaba aberto e calquera empresa pode entrar a facerse cargo da instalación.
Unha vez dado este importante paso, estase á espera de que se confirme quen levará a xestión do complexo deportivo e, por tanto, abra as súas portas ao completo. Segundo Vilariño, existen varias empresas interesadas en retomar a actividade do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.