Derrota do Waterpolo Pontevedra ante o Turia para finalizar a primeira volta (12-9)

Pontevedra
11 de febreiro 2024

As pontevedresas querían deixar atrás as tres últimas derrotas e centrarse no enfrontamento ante o CW Turia, un rival directo na loita pola permanencia, pero a falta de acerto nos momentos clave foi determinante no resultado final  

Partido Primeira Nacional entre Waterpolo Pontevedra e CW Dos Hermanas Cristina Saiz

O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra desprazouse este sábado a Valencia para disputar o último encontro da primeira fase da Primeira División Feminina.

As pontevedresas querían deixar atrás as tres últimas derrotas e centrarse no enfrontamento ante o CW Turia, un rival directo na loita pola permanencia, pero a falta de acerto nos momentos clave foi determinante no resultado final.

O encontro empezou igualado e sen un claro dominador. Sofía Mirou adiantou ás valencianas, pero enseguida Andrea Andión devolveu as táboas. Branca Goset subiu o 2-1, e Rocío Ferreras e Valentina Restrepo encargáronse de voltear o resultado ao final do primeiro cuarto (2-3).

Por fin tomara a dianteira no marcador o equipo pontevedrés, pero un apagamento ofensivo e dous erros en defensa que foron castigados coa pena máxima aproveitounos o Waterpolo Turia para facerse coa maior vantaxe ata o momento (6-4). Lonxe de baixar os brazos, Andrea Andión púxose o mono de líder e reduciu distancias antes de alcanzar o descanso (6-5).

O terceiro cuarto foi o de máxima igualdade en mesmo Irene Esteban, a falta de catro segundos, tivo a oportunidade de devolver o empate cun penalti a falta de catro segundos, pero fallou (10-9).

Comezou desta forma o último tempo. As pupilas de Kike García enfrontáronse a unha serie de problemas ofensivos e foron incapaces de bater ao Turia. Quedaba pouco máis dun minuto para o final, o marcador mostraba un 11-9 e, nese momento crítico, Irene Esteban foi expulsada. Non quedaban moitas opcións ao equipo pontevedrés e aguantou como puido, pero Mar Moragrega aproveitou a superioridade numérica e fixo o gol que selou o resultado final de 12-9.

Consulta a acta nesta ligazón