Derrota do Arxil no inicio da fase de ascenso no seu partido máis difícil e emotivo

Pontevedra
25 de abril 2024

Apenas 48 despois do falecemento de Maite Méndez, o Club Baloncesto Arxil debutou este xoves en Zaragoza na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge contra o Mipelletymas BF León. As xogadoras saltaron á pista con camisetas en memoria da súa adestradora

Partido de fase de ascenso entre CB Arxil e Mipelletymas BF León Dani Marzo / FEB

Apenas 48 horas despois do falecemento de Maite Méndez, o Club Baloncesto Arxil xogou o seu partido máis difícil e emotivo, na primeira xornada da fase de ascenso á Liga Feminina Challenge que arrincou este xoves en Utebo, Zaragoza.

O conxunto pontevedrés, coas emocións a flor de pel, quería homanejar á súa adestradora sobre a cancha enfrontándose ao Mipelletymas BF León.

As xogadores e corpo técnico arxilista, entre as que se atopaba a filla de Maite, Aldara Vázquez, saltaron á pista do Palacio dos Deportes de Utebo cunha camiseta en recordo de Maite, co seu nome e o número 14 ás costas e unha imaxe de Mafalda na parte frontal. Con ela viviron o minuto de silencio co que a Federación Española de Baloncesto quixo tamén render tributo á tristemente falecida adestradora.

Así arrincou un duelo que no seu primeiro cuarto foi tremendamente igualado, con imprecisións froito dos nervios e dous equipos que xa se coñecían á perfección tras coincidir na liga regular. O resultado deses dez minutos iniciais era de 14-16 para o bloque leonés.

Se embargo a renda agrandouse aos trece puntos mediado o segundo cuarto (22-35), obrigando a Marita Janeiro a parar o partido desde o banco en busca de solucións, tanto defensivas como ofensivas.

Unha tripla de Carolina Bernardeco parecía cortar a sangría, pero era un espellismo e o BF León respondía chegando ao descanso cunha importante vantaxe de 28 a 42.

Tocaba remar e tíñao todo en contra o Arxil, que a pesar diso seguíao tentando, aínda que con máis corazón que acerto. Ante iso o seu rival, da man en ataque da dominicana Cesarina Lisbeth Capellan Santana, mantiña o tipo controlando a súa importante renda a favor.

Chegábase aos dez últimos minutos cun marcador de 38-55 que facía xa case imposible o triunfo. Non faltou coraxe chegando mesmo a baixar da barreira dos 10 puntos (57-63), só que a laxa era xa demasiado pesada e a derrota terminouse consumando por 65 a 73.

Este resultado deixa sen marxe de erro ao Arxil nesta fase de ascenso, polo que deberá gañar este venres 26 (16.00 horas) o Bosonit Unibasket para chegar á xornada decisiva de grupos con opcións de clasificarse para o duelo polo ascenso do domingo.

Consulta aquí as estatísticas do partido de fase de ascenso entre CB Arxil e Mipelletymas BF León.