A Sociedad Deportiva Teucro segue sen levantar cabeza este mes de abril e xa son tres as súas derrotas consecutivas, a última ante o OAR da Coruña por 22-31.
O conxunto visitante abriu o partido cunha parcial inicial de 0-3 que o Teucro reduciu moi pronto grazas aos tantos de Xurxo Rivas e Sergio Blond. Co 3-5 no marcacdor cobraron protagonismo ambas as defensas e estivo máis de seis minutos sen anotar o OAR fronte aos sete do Teucro, que se traduciron nunha nova renda de tres goles a favor dos coruñeses.
Reaccionaron os locais con dous goles de Xurxo Rivas para achegarse a un tanto (5-6), pero o OAR apertou os dentes en defensa e, co excisneísta David Chapela e Diego Martínez, ampliaron o colchón e obrigaron a Irene Vilaboa a parar o cronómetro para reverter a situación dos seus (5-9).
Con todo, a adestradora teurista foi incapaz de deter as chegadas dos coruñeses e chegouse ao descanso cun resultado de 11-15.
Despois do paso polos vestiarios, os de Coruña convertéronse nun auténtico pesadelo para o Teucro e dispararon a vantaxe en oito goles cando aínda non se cumpriron os dez minutos da segunda metade (14-22).
Pediu tempo morto a adestradora local, pero a remontada xa era imposible. Baixaron os brazos os pontevedreses e o OAR continuou facendo das súas e ata alcanzou unha renda de dez tantos a cinco minutos da conclusión (20-30).
Co partido xa sentenciado, o Teucro reduciu distancias en nove goles cos que se alcanzou o final (22-31).
Consulta as estatísticas nesta ligazón