Deporte sen franxas horarias e en grupos de ata 20 persoas na fase 3 de desescalada

Pontevedra
06 de xuño 2020

A partir do próximo luns 8 de xullo, Pontevedra pasará á fase 3 da  desescalada, o que supoñerá unha "flexibilización das medidas relativas á apertura de instalacións deportivas ao aire libre, pechadas e centros deportivos", tal e como especifica o Artigo 33 do BOE na súa publicación do sábado 30 de maio

Pontevedreses facendo deporte no primeiro día autorizado dentro da desescalada Diego Torrado

A partir do próximo luns 8 de xullo, Pontevedra pasará á fase 3 da desescalada, o que supoñerá unha "flexibilización das medidas relativas á apertura de instalacións deportivas ao aire libre, pechadas e centros deportivos", tal e como especifica o Artigo 33 do Boletín Oficial do Estado (BOE) na súa publicación do sábado 30 de maio.

Dentro dese apartado, explícase que se poderá realizar actividade deportiva en grupos de ata vinte persoas, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforo máximo permitido, tanto nas instalacións deportivas ao aire libre como nos centros deportivos pechados e, en ambos os casos, aplicaranse sempre as normas de acceso, quendas e limpeza.

Así mesmo, os deportistas poderán acceder ás instalacións acompañados dunha persoa distinta do seu adestrador e non será necesario concretar cita previa para a realización de actividades deportivas.

Por último, o uso de vestiarios e zonas de duchas estará permitido, pero a súa ocupación máxima será dunha persoa para espazos de ata catro metros cadrados e do cincuenta por cento nos que superen esa medida, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, nese caso tamén se permitirá a utilización polo seu acompañante.

Adestramento medio en ligas non profesionais federadas

Segundo o Artigo 33 do BOE, os deportistas integrados en clubs participantes en ligas non profesionais federadas poderán realizar tarefas individualizadas de carácter físico e técnico, e en pequenos grupos de ata un máximo de vinte persoas, mantendo as distancias de seguridade de dous metros de maneira xeral, e evitando situacións nas que se produza contacto físico.

Pola súa banda, o persoal técnico poderá asistir aos adestramentos mantendo a distancia de seguridade e cumprindo as medidas xerais de prevención e hixiene fronte ao  COVID-19 indicadas polas autoridades sanitarias.