Definido o grupo que lle espera ao Arxil e Cortegada na Liga Feminina 2

Pontevedra
05 de xullo 2022

Os clubs pontevedreses que militan na terceira categoría do baloncesto feminino nacional afrontarán esta campaña longos desprazamentos, cun grupo de competición que lles medirá a equipos canarios, andaluces e estremeños, ademais dos clubs do terzo norte

Ruth Adams, no partido de Liga Femina 2 entre Arxil e Rosalía no CGTD Cristina Saiz

A Federación Española de Baloncesto deu a coñecer este martes a composición da próxima tempada na Liga Feminina 2, na que volverán competir o Club Baloncesto Arxil pontevedrés e o Mariscos Antón Cortegada de Vilagarcía.

A repartición non deixou do todo contento aos equipos galegos. "É unha tolemia", recoñecen desde o Arxil ante a cantidade de quilómetros que deberán completar a próxima campaña ao medirse a equipos canarios, andaluces, estremeños, cántabros, vascos, rioxanos e leoneses.

En concreto compodrán o Grupo A, ademais de Arxil e Cortegada, o Maristas da Coruña, Universidad de León (Castela-León), Tirso Centro (Cantabria), Barakaldo (País Vasco), Unibasket Logroño (A Rioxa), Hierros Díaz Extremadura Miralvalle (Estremadura), o canarios CB Aridane e Magec Tías e os andaluces Manuela Fundación, Sevilla, Unicaja e CB Almería.

O inicio da competición está previsto para a primeira fin de semana do mes de outubro.

RUTH ADAMS, BAIXA CONFIRMADA NO ARXIL

Doutra banda o Club Baloncesto Arxil confirmou que a bahameña Ruth Adams non seguirá no equipo a próxima tempada.

A beirado pon así fin a unha etapa dun ano en Pontevedra na que disputou un total de 26 partidos cunha media de 14,8 puntos e 5,8 rebotes por encontro.