Decenas de persoas compiten en Vilanova na Travesía a nado #PoloDanoCerebral

O Salnés
16 de xullo 2022

A carreira saíu este sábado pola tarde desde a praia do Preguntoiro, en Vilanova, e ata alí acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que destacaron as accións que desenvolve a asociación e, neste caso, unido á riqueza natural que hai en Galicia

Travesía a nado #PoloDanoCerebral en Vilanova Xunta de Galicia

Incrementar o coñecemento social sobre o dano cerebral e focalizar os síntomas e riscos, foi o principal obxectivo que tivo, como cada ano, a Travesía a Nado organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE).

A carreira saíu este sábado pola tarde desde a praia do Preguntoiro, en Vilanova, e ata alí acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que destacaron as accións que desenvolve a asociación e, neste caso, unido á riqueza natural que hai en Galicia.

"Temos claro que a través das accións que se están a desenvolver no marco deste proxecto, ademais de contribuír á consolidación do desenvolvemento sostible, social e dinámico das áreas polas que transita o Camiño, toma en consideración aspectos vitais de promoción da saúde para concienciar e sensibilizar tanto á cidadanía galega como á poboación foránea que chega á nosa rexión para percorrer as rutas xacobeas", indicou a directora de Turismo de Galicia.

Ademais, con estas accións tamén se consegue incrementar o coñecemento social sobre o dano cerebral, focalizándose na prevención dos seus principais factores de risco e causas maioritarias, así como nos síntomas de alarma e pautas de actuación no caso de producirse unha delas, especialmente nas zonas de Galicia polas que transcorre o Camiño de Santiago.

Neste senso, Nava Castro destacou que así se visibiliza a riqueza natural, cultural e humana do camiño en Galicia en xeral, o patrimonio natural existente na costa galega e en todas as vilas onde se desenvolven accións, e o patrimonio cultural incomparable que significa para Galicia e para o mundo o Camiño de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, o director xeral de Persoas con Discapacidade, puxo en valor este tipo de iniciativas "por permitir darlle eco á importancia de manter un estilo de vida saudable, ao tempo que se procura unha maior integración das persoas con dano cerebral".

Tamén incidiu en que Fegadace leva máis dunha década axudando a persoas con dano cerebral e procura sensibilizar á sociedade sobre a dimensión desta realidade, implicar ás institucións e apoiar todas as iniciativas dirixidas a resolver os retos da rehabilitación e inclusión destas persoas.