O Pontevedra Club de Fútbol iniciou a pretempada o día 22 de xullo con gran parte do plantel xa pechado. Aquel día foron 19 os futbolistas do primeiro equipo que comezaron a preparación do curso, do máximo de 25 cos que pode contar por normativa.
Case un mes despois, as pezas seguen a ser as mesmas para Yago Iglesias, deixando deberes pendentes á secretaría técnica no tramo final do mercado de fichaxes,
A data límite para a inscrición de xogadores na Segunda RFEF é o venres 30 de agosto, xusto un día antes do inicio de liga e dous no caso dun Pontevedra que se estreará o 1 de setembro fronte ao Real Valladolid Promesas en Pasarón (19.00 horas).
O asunto sobre a mesa máis urxente por resolver é o caso de Borja Domínguez, cada vez máis enquistado. Non se conta co centrocampista vigués na planificación da tempada, e así se lle comunicou, pero conta aínda cun ano máis de contrato tras a súa renovación automática ao final da pasada campaña. Polo momento segue sen adestrar co equipo, e mantense a incógnita de que pasaría coa súa ficha no caso de non chegar a un acordo de rescisión.
Máis aló diso nos despachos do Estadio Municipal de Pasarón trabállase na chegada de varios futbolistas neste tramo final do mercado. O obxectivo sería incorporar polo menos tres xogadores para chegar á cifra de 22 no plantel, máis a achega que chegue desde a canteira.
"A realidade é que hai algún posto a que non temos dobrado, que só temos un xogador. Quedando tempo para que empece a competición e tendo fichas sub 23 sempre estamos abertos ao que poida aparecer", recoñecía Yago Iglesias á conclusión do recente Trofeo Luis Otero contra o Lugo.
O certo é que o técnico xa avanzara o 19 de xullo, xusto antes de arrincar a pretemporada, que a intención para completar o equipo era fichar "un xogador de perfil atacante dereito, extremo, e a un central-lateral", ao que se sumaría tamén un dianteiro para competir con Rufo e Charly.
Iglesias de feito chegou a probar este verán a outros futbolistas na punta de ataque, como sucedeu con Dalisson contra o Lugo.
De concretarse esas posibles incorporacións, dúas con total seguridade serían de futbolistas en idade sub-23, mentres que a terceira apunta a un xogador en idade sénior que ocupe a ficha de Borja Domínguez (co centrocampista o máximo de 16 fichas sénior estaría cuberto). Unha aposta sénior que mira cara ao posto de extremo dereito, no que Xabi Domínguez aparece na actualidade como único especialista.