A aposta pola canteira do Club Cisne Balonmán non é unha acción para a galería. Así o demostrou o club pontevedrés ao longo dos últimos anos, dando a alternativa a un bo número de talentos, principalmente galegos, e ofrecéndolles a oportunidade de curtirse na elite medíndose aos mellores equipos do país.
Ademais dos resultados das súas categorías inferiores, iso traduciuse coa constante ascensión de xogadores ao primeiro equipo. Algúns como Álvaro Preciado ou Virulegio xa non están ao probar sorte noutros equipos da máxima categoría, algúns están asentados no plantel cisneísta e outros empezan a asomar a cabeza.
É o caso de dous xogadores que, con só 16 anos, viviron no choque contra o Granollers os seus primeiros minutos na Liga Asobal.
Trátase do pivote pontevedrés Manu Lorenzo e do central Xoán Fernández, e que pasaron en apenas uns meses de xogar a fase final do Campionato de España Cadete, á que accedeu o Cisne como un dos oito mellores equipos do país, a relacionarse coa elite do balonmán nacional.
As estatísticas do seu debut pouco importan. De feito ningún dos dous chegou a anotar un tanto, pero son só os primeiros compases dunha carreira que todos esperan sexa longa e con moitas alegrías. Iso será en todo caso ao seu debido tempo. Por agora ante as baixas existentes no primeiro equipo puideron asomar a cabeza e empezar a mostrarse. O demais xa irá chegando, porque se algo demostrou o Cisne é que non lle treme o pulso á hora de apostar polos mozos. Toda unha garantía de futuro.