David Cal, o Pontevedra, Suso Morlán e Magín Froiz, entre os recoñecidos coas Distincións ao Mérito Deportivo da Xunta

Pontevedra
06 de outubro 2022

A Xunta de Galicia outorgou este mércores nun acto en Santiago de Compostela as Distincións ao Mérito Deportivo 2022, recoñecendo o labor de 106 persoas e entidades

Entrega das Distincións ao Mérito Deportivo 2022 da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia outorgou este mércores nun acto en Santiago de Compostela as Distincións ao Mérito Deportivo 2022, recoñecendo o labor de 106 persoas e entidades.

Entre esas distincións o deporte pontevedrés tivo protagonismo e representación en varias categorías.

O goberno galego recoñeceu a carreira do ex-piragüista e campión olímpico David Cal, e tamén outorgou unha distinción ao Pontevedra Club de Fútbol e á Escola Naval Militar de Marín.

Por último, a título póstumo, as Distincións ao Mérito Deportivo acordáronse do recentemente falecido Magín Froiz polo seu apoio durante anos ao mundo do deporte e tamén do adestrador de piragüismo Suso Morlán.

"Grazas por levar a Galicia tan alto e tan lonxe", sinalou na súa intervención no acto do presidente autonómico, Alfonso Rueda, retomando unha entrega que non se realizaba desde o ano 2018.

Rueda defendeu ademais que os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 recollerán un investimento de 18 millóns de euros para impulsar a construción de instalacións deportivas para seguir promovendo o hábitos de vida saudable entre todos os galegos.