Dar por finalizada a tempada sen ascensos nin descensos, proposta do Teucro á Federación

Pontevedra
26 de marzo 2020

O club pontevedrés remitiu un escrito ao Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán no que solicita que se de por finalizada de maneira oficial a liga da División de Honra Prata

Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal
Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro ten claro como debe resolverse a suspensión, polo momento temporal, da competición debido á alerta sanitaria.

A xunta xestora da entidade pontevedresa acordou este xoves, despois dunha reunión telemática, preparar e presentar un escrito dirixido ao Comité de Competición e á Comisión Delegada da Real Federación Española de Balonmán.

No mesmo solicítanlle que se de por finalizada de maneira definitiva a tempada na División de Honra prata sen que se produzan nin ascensos nin descensos.

Entende a xestora teucrista que a actual situación de parálise "obriga a tomar unha rápida solución ao futuro inmediato das competicións que pasa por suspender a categoría de forma permanente nesta tempada 2019-2020".

Con esta decisión desbloquearíase unha situación que levou a varios equipos, entre eles ao propio Teucro, a presentar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) para tentar sobrevivir economicamente á crise derivada pola expansión do coronavirus.