Daniela Suárez recibirá a Medalla ao Mérito Deportivo da Federación Española de Natación

Pontevedra
28 de setembro 2022

A nadadora do Galaico Sincro, campioa do Mundo de categoría infantil coa Selección Española, será recoñecida na gala anual que celebrará o próximo 7 de outubro a Real Federación Española de Natación

Daniela Suárez festexa a medalla de ouro conseguida no Mundial Infantil Club Galaico Sincro

A pesar da súa mocidade Daniela Suárez é xa a nadadora artística galega cun mellor palmarés, grazas ás medallas internacionais conseguidas este verán tanto no Campionato de Europa como no Campionato do Mundo en categoría Infantil.

Este incrible rendemento valeulle á deportista pontevedresa do Galaico Sincro un importante recoñecemento por parte da Real Federación Española de Natación.

En concreto Daniela recibirá a Medalla ao Mérito Deportivo que outorga a Federación. Farao nun acto organizado o próximo 7 de outubro na sede do Comité Olímpico Español (COE), en Madrid.

Daniela Suárez conseguiu a mediados de agosto dúas medallas no Mundial Infantil coa Selección Española, un ouro na rutina de equipo e unha prata na combinada, logros que sumou ás súas tres medallas no Europeo cun ouro na rutina de equipo, unha prata na combinada e un bronce no dúo mixto.

Ademais da pontevedresa serán recoñecidas outras dúas nadadoras galegas polos seus resultados internacionais do último ano. Trátase de María de Valdés, subcampioa europea en augas abertas, e Carla Carrón, bronce no Mundial júnior de natación.