Daniel Tolmos reforza a primeira liña do Cisne

Pontevedra
05 de xullo 2017
Actualizado: 18:06

O xogador zaragozano é a terceira fichaxe do club pontevedrés para a súa terceira tempada consecutiva na División de Honra Prata. Chega a Pontevedra procedente do Balonmano Alcobendas

Daniel Tolmos, nun partido entre Teucro e Ciudad Encantada no Municipal Diego Torrado

O Club Cisne Balonmán confirmou a súa terceira fichaxe, co que avanza na planificación da que será tamén a súa terceira tempada consecutiva na División de Honra Prata.

O reforzo en cuestión é Daniel Tolmos, xogador zaragozano de 24 anos que pode actuar en diferentes posicións da primeira liña, en especial nos postos de central e lateral esquerdo.

Tolmos chega a Pontevedra procedente do Balonmano Alcobendas, e conta con experiencia na máxima categoría nas filas do Naturhouse La Rioja e o Ciudad Encantada.

Con 1,89 metros de envergadura e un potente lanzamento exterior "caracterízase por ser un xogador moi versátil", aseguran desde o club pontevedrés.

O Cisne ademais fíxose cos servizos do xoven pivote silledense Daniel Ramos, que a última campaña militou no Fútbol Club Barcelona. O xogador, que pechou o ano con problemas físicos por mor dunha hernia discal, será presentado oficialmente este xoves.