Dani Sousa renova por un Poio Pescamar que di adeus a Ana Rivera

Poio
08 de xullo 2022

A pívot brasileira, peza clave nas últimas tempadas no cadro conserveiro, cumprirá desta forma a súa cuarta campaña completa na Seca. É a terceira renovación do equipo e coas fichaxes a novena xogadora confirmada do novo proxecto deportivo vermello

Dani Sousa, no partido de liga entre Poio Pescamar e Elche Cristina Sáiz

Movemento importante no Poio Pescamar, que atou a continuidade dunha das súas pezas clave nas últimas campañas, a brasileira Dani Sousa.

A pivote brasileira renovou por unha tempada e cumprirá o seu cuarto curso completo na Seca, quinto se se conta o tramo final da 18/19, cando foi fichada polo cadro conserveiro.

Na liga recentemente finalizada, con 20 tantos, foi a máxima realizadora do Poio Pescamar e a oitava de toda a competición.

"Por todo isto e o seu traballo no día a día, aquilo que non sae nas estatísticas, o club non dubidou na súa continuidade", asegura a entidade vermella.

Con Dani Sousa pasan a ser nove as xogadoras confirmadas para o próximo proxecto do Poio Pescamar xunto a Anna Escribano, ás tamén renovadas Irene García e Luci Gómez e ás fichadas Marta Peñalver, Rocío Gómez, Sandra Buzón, Elena Aragón, Laura Uña e Elena González.

A que non continuará na Seca é outra das xogadoras importantes os últimos anos, como é Ana Rivera. A de Verín non seguirá no club despois de tres tempadas e de deixar "unha pegada indeleble polo seu compromiso, tanto sobre a pista como fóra dela", recoñece o Poio Pescamar.