Cuntis acolle este domingo o trail dos DepoDesafíos

Umia
05 de setembro 2019

Os 200 rexistrados partirán ás 10.30 horas desde a Praza da Constitución para completar un percorrido de 16 quilómetros e 775 metros de desnivel positivo acumulado

Saída do V Trail Vila de Cuntis Termas de Cuntis

Cuntis acollerá este domingo 8 de setembro, a partir das 10.30 horas, a cuarta e penúltima proba do DepoDesafío 2019 organizado pola Deputación de Pontevedra, un trail duns 16 quilómetros no que participarán preto de 200 deportistas.

Os participantes deberán estar preparados para subidas e baixadas continuas xa que o percorrido terá un desnivel positivo acumulado de 775 metros. O punto de saída e meta estará situado na Praza da Constitución da vila termal. Os corredores de categoría sénior tomarán a saída ás 10.30 horas, mentres que ás 11.00 horas farano os nenos e nenas de entre 10 e 16 anos, para completar percorridos dun ou dous quilómetros.

O DepoDesafío é unha serie de carreiras variadas composta por próbaa BTT das Neves, a travesía a nado de Poio e a carreira nocturna de Vilagarcía. A falta de disputarse o trail de Cuntis e o tríatlon de Vigo, a clasificación xeral está liderada por Iria Campos e Alexandre Rodríguez. Os vencedores da xeral recibirán como premio un dorsal para competir na maratón de Berlín con desprazamento e aloxamento incluídos.