Cristian Fernández, rumbo a Australia para defender o seu título de campión mundial de acuatlón

Pontevedra
13 de agosto 2024

O deportista pontevedrés, campión mundial elite desta especialidade no ano 2023, foi convocado pola Federación Española de Tríatlon para participar nos Mundiais Multideporte de Tonwsville, Australia. Competirá o venres 23 de agosto

Cristian Fernández 'Tianillo' Mónica Patxot

A cidade de Tonwsville, en Australia, será escenario do 15 ao 25 de agosto dos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon, cita que acollerá o próximo ano 2025 por segunda vez na súa historia Pontevedra.

Pero máis aló de coller a testemuña de Tonwsville, o deporte pontevedrés estará moi pendente da competición nas antípodas porque alí estará un dos seus representantes, Cristian Fernández Nieto.

A Federación Española de Traitlón fixo oficial a súa convocatoria para defender a España no Campionato do Mundo Elite de Acuatlón, carreira na que defenderá o título de campión que logrou en maio de 2023 en Eivissa e que supuxo un éxito descomunal na súa carreira deportiva.

Será, tal e como el mesmo recoñeceu nas súas redes sociais, "o meu segundo mundial" absoluto, ao que suma a súa medalla de ouro en 2019 nos grupos de idade na casa, en Pontevedra.

Cristian asegura que poñerá rumbo a Australia "con moitas ganas de seguir traballando día a día e chegar na mellor forma posible". Será, afirma, "un gran premio a este ano tan duro".

En Tonwsville o pontevedrés (que en tríatlon compite polo Inforhouse Santiago), competirá o venres 23 de agosto nunha proba que contará con 2,5 quilómetros de carreira a pé, 1.000 metros de natación e de novo 2,5 quilómetros de carreira a pé.