Cristian Fernández, recibido no Concello de Poio como subcampión de Europa de acuatlón

Poio
03 de outubro 2022

O deportista poiense recibiu de mans do rexedor, Luciano Sobral, e da concelleira de Deportes, Marga Caldas, unha bandeira e unha insignia do Concello, a modo de recoñecemento polo gran éxito acabado no campeonato continental que tivo lugar en Euskadi o pasado mes de setembro

Cristian Fernández, recibido no Concello de Poio como subcampión de Europa de acuatlón Concello de Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado pola titular de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, recibiu na mañá deste luns na Casa Consistorial a Cristian Fernández Nieto, subcampión de Europa de acuatlón, logo da medalla de prata obtida na competición continental celebrada a finais do pasado mes de setembro en Euskadi.

Fernández Nieto recibiu de mans do rexedor e da concelleira do goberno local unha bandeira de Poio, ademais dunha insignia do Concello e de varios obsequios.

Sobral ten claro que a gran traxectoria do subcampión de Europa, que xa no ano 2019 fora campión do mundo no seu grupo de idade desta mesma especialidade deportiva, “é un claro exemplo da boa saúde da que goza o noso deporte local, no que por sorte contamos con grandes deportistas e clubs que, ademais de realizar un gran labor a nivel de formación, tamén son quen de acadar importantes triunfos e resultados na elite”.

O alcalde Sobral explicou que con esta recepción e entrega de obsequios conmemorativos “queremos expresar os nosos parabéns e o noso recoñecemento a Cristian, quen sen dúbida é un dos grandes embaixadores do noso deporte, como veciño de Poio que é”.

A estas felicitacións tamén se sumou a concelleira de Deportes, que fixo fincapé na dureza do acuatlón, “unha das disciplinas máis duras que hai”, e tamén destacou que Cristian Fernández acadou o segundo posto nunha proba que “foi moi desputada”, como así o demostra o feito de que o poiense tan só quedou a dous segundos de distancia do gañador.

Pola súa banda, Fernández Nieto expresou o seu agradecemento ao Concello e falou dos seus obxectivos próximos, que pasan, por exemplo, por preparar ben o Campionato do Mundo desta especialidade, que terá lugar en Ibiza en maio do vindeiro ano.