Todo preparado en Caldas de Reis para a segunda edición do Trail Laxe dos Bolos, que se disputará este próximo domingo 16 de marzo.
A proba deportiva de montaña consolídase no seu segundo ano dobrando practicamente a cifra de participantes.
Serán, segundo informou o tenente de alcalde Manuel Fariña, 524 os deportistas participantes nunha edición que incluirá o Campionato de Galicia de Trail Running.
"A satisfacción é máxima polo tirón conseguido entre a xente e por térmonos convertido en referente nun tempo tan pequeno", asegura o edil de Deportes.
O Monte Xiabre será protagonista da xornada. Pola súa zona transcorrerá un percorrido renovado.
No Campionato Galego participarán 89 deportistas, dos que sairán os integrantes da Selección Galega. Afrontarán 27,6 kilómetrosde percorrido con máis de 1.600 metros de desnivel, partindo ás 9.00 horas da mañá desde o Cruceiro do Campo da Torre, para pasar polas parroquias de Bemil, Paradela e Saiar.
Ademais haberá outras dúas carreiras de 16,64 e 8,3 quilómetros respectivamente, con 182 e 172 deportistas que partirá desde a praza da Biblioteca ás 10.00 e 10.30 horas. Desde o mesmo punto sairá tamén a andaina popular de 12 quilómetros, arrincando cinco minutos despois da última carreira oficial con 81 persoas anotadas.
Para estas tres opcións o percorrido discorrerá polos montes de Santa María, polas proximidades da Fábrica da Luz.
Para pechar a xornada, unha novidade desta edición será que o colectivo de Mulleres Rurais de Carracedo ofrecerá unha degustación de callos ás persoas participantes.