O domingo é día de derbi galego en Pasarón. Pontevedra e Rácing de Ferrol volverán verse as caras despois da goleada recibida polos granates no partido da primeira volta na Malata, no que os ferroláns endosaron un doloroso 4-1 aos pontevedreses. Foi unha primeira parte de liga irregular para ambos os conxuntos na que os verdes, undécimos con 26 puntos, acabaron peor parados que os de Pouso, sétimos con 29.
Cunha xeira de catro derrotas consecutivas, tres en liga e unha en Copa do Rey, o Rácing ve no partido fronte ao Pontevedra unha oportunidade para reencontrarse coa vitoria e reconciliarse coa súa afección. "Seguiremos traballando para gañar o seguinte partido en Pasarón", declarou o máximo goleador do Rácing, Joselu, tras a derrota deste mércores na Malata diante do pechacancelas Sanse. "O partido do domingo vai ser contra un rival moi superior e moi diferente", engade o dianteiro, que espera un enfrontamento "igualado".
"A ver se somos capaces de poñernos por diante no marcador", apunta o ariete una das claves que marcará o devir dun partido entre dous bloques que "nos coñecemos moi ben", rematou o xogador ferrolán que estivo a piques de enfundarse a camiseta granate no verán do 2018.
Ao longo de toda a tempada, o Racing de Ferrol demostrou render mellor fóra da casa que no seu propio estadio. "Sempre queres gañar na casa, pero os puntos que se gañan fóra valen igual", sinala o atacante. Tamén o gardameta Chema, que substituíu ao lesionado Diego Rivas, mostrou a súa confianza en volver derrotar ao equipo granate. "As rachas están para cortalas e Pasarón é unha boa oportunidade", concluíu.
O desenlace do derbi do domingo pode supoñer un punto de inflexión paraambos os conxuntos, que levan tres xornadas sen coñecer a vitoria en liga. Os ferroláns superarán ao Pontevedra na táboa se conseguen a vitoria, mentres que os granates teñen a motivación de achegarse de novo aos puntos de playoff e vingarse da avultada derrota da segunda xornada.
Ademais, haberá presenza de afeccionados racinguistas nas bancadas de Pasarón. Un punto máis de interese para un derbi que nunca deixa a ninguén indiferente.
PREZO DAS ENTRADAS
Os prezos das entradas para o próximo partido en Pasarón será de 25 euros para a bancada de Tribuna, 20 euros para a de Preferencia e 12 euros para calquera dos dous fondos. Os menores de seis anos entrarán gratis, mentres que aqueles menores de entre 7 e 13 anos deberán pagar 3 euros e 5 euros para os menores de idade de máis de 14 anos.