Convocada para o 20 de decembro a Xunta de Accionistas do Pontevedra

Pontevedra
15 de novembro 2022

O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil publica este martes a convocatoria da Xunta de Accionistas do club granate, que non se celebra desde abril de 2021. Nela someteranse a aprobación o estado das contas da entidade ata o 30 de xuño de 2021, co balance económico tras o ano da restructuración

Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol Mónica Patxot

A esperada Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra celebrarase o próximo 20 de decembro.

O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) publica este martes a convocatoria dunha xunta que non se celebra, no caso da entidade granate, desde abril de 2021.

A reunión terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra ás 17.30 horas en primeira convocatoria.

Na orde do día estará o exame e aprobación, no seu caso, das contas do club granate correspondentes ao exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2021, é dicir, cos números correspondentes á tempada post-pandemia que supuxo a reestruturación da terceira categoría nacional.

Pendente para outra convocatoria quedarán por tanto as contas do curso 21/22 e as previsións da actual tempada.

Segundo sinala o BORME poderán asistir á Xunta os accionistas que acrediten ser titulares de polo menos seis acciones rexistradas ao seu nome ou que teñan delegada esa representación.

A orde do día da convocatoria para a Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol é o seguinte:

  • Primeiro: Exame e aprobación, no seu caso, das contas anuais (balance de situación, conta de perdas e ganancias, estado de cambios no patrimonio neto, estado de fluxos de efectivo e memoria) e do informe de xestión da Sociedade, correspondentes ao exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2021.
  • Segundo: Aplicación do resultado do exercicio social pechado ao 30 de xuño de 2021.
  • Terceiro: Información á Xunta Xeral sobre a prórroga tácita do nomeamento de SOGAL AUDITORES SLP, como Auditor de Contas da Sociedade, segundo o disposto na lexislación vixente.
  • Cuarto: Delegación de facultades.
  • Quinto: Rogos e preguntas.