Convivencia galaico-irlandesa no rugby pontevedrés

Pontevedra
02 de maio 2023

O Mareantes Rugby Club Pontevedra foi anfitrión na cidade dun equipo irlandés, o Greystones RFC, nunhas xornadas de convivencia e intercambio que incluíron un partido entre ambos os dous clubs

Xornadas de convivencia entre o Mareantes RCP e o Greystones RFC irlandés Mareantes RCP

Unha das moitas tradicións que converten ao rugby nun deporte especial son as xiras que protagonizan moitos equipos unha vez finalizan a súa tempada, independentemente da categoría na que militan.

Compartir xornadas de adestramento, algún que outro partido e intercambiar experiencias son obxectivos deste tipo de xornadas, como a que se viviu a pasada fin de semana en Pontevedra.

Un dos equipos da cidade, o Mareantes Rugby Club, recibiu a visita do Greystones RFC irlandés, cuxo primeiro equipo disputa a liga semiprofesional de 2ª División no seu país.

Unha expedición de ata 45 persoas entre plantel, corpo técnico e directivos compartiron xornadas en terras pontevedresas, disputando un bonito encontro no que o Mareantes contou con xogadores convidados do Pontevedra Rugby Club e tamén dos equipos de Ourense, Santiago e Lalín.

O resultado, aínda que case era o de menos, foi un axustado 33-36 para o Greystones. Pouco importaba dentro dun ambiente de convivencia que incluíu actividades turísticas e culturais e que finalizou co tradicional terceiro tempo no que as dúas entidades deportivas intercambiaron agasallos.

O Mareantes promete ademais devolver a visita a terras irlandesas nun futuro non moi afastado.