Contra a Cultural Leonesa e a pesar dunha arbitraxe nefasta, o Pontevedra (2-1) remonta e entusiasma

Pontevedra
20 de decembro 2015

O Pontevedra despide o ano en postos de play-off despois de lograr unha xusta vitoria ante a Cultural Leonesa nun partido de garra, casta e loita. Borjas de penalti e Jandrín marcaron os goles granates para remontar o tanto inicial dos visitantes

Borjas celebra a consecución do gol de penalti fronte á Cultural Leonesa en Pasarón Diego Torrado

O fútbol é calidade, pero tamén corazón. Se a primeira calidade está presente nos xogadores do Pontevedra, a segunda sinxelamente sóbralles, sáelles por todos os poros. Chegaba a Cultural Leonesa tras 11 partidos sen perder, na segunda posición da táboa. Atopouse cun golazo de Aketxe e unha arbitraxe "amiga" das súas cores, que anulou un gol local, co marcador a cero, absolutamente legal, e perdoou a expulsión ao seu porteiro Diego Calzado.

Nin todo iso foi suficiente para facer que os de Luisito dobrasen o xeonllo, igualando antes do descanso ao transformar Borjas o claro penalti e remontando nunha memorable segunda parte, chea de intensidade e loita, cun golazo de Jandrín.

Foi un partido vibrante. Sen un segundo de respiro, que recibiu o recoñecemento unánime dunha bancada que a cada xornada que pasa énchese máis, enganchada por un Pontevedra que se mete de novo en postos de play-off. Os granates gañaron por xogo e ocasións, pero sobre todo pola garra, casta e loita empregadas na disputa de cada balón, desde o primeiro ao último minuto.

A primeira parte viu a dous equipos entregados á causa, dispostos a non ceder nin un centímetro ao rival. A Cultural comezou lixeiramente mellor, pisando terreo local, pero pouco duroulle, xusto ata que o árbitro fixo a súa primeira aparición desafortunada en contra do equipo local (minuto 22) para anular un gol legal e precioso conseguido por Borjas, gañando as costas aos centrais visitantes nun pase diagonal de Capi.

Logo viría o gol visitante. A Cultural Leonesa non xogaba mal, pero custáballe facer perigo. Conseguiuno a balón parado e froito da tremenda calidade do seu dianteiro Aketxe, que acertou cun maxistral lanzamento dunha falta lateral, coando o balón na escuadra por encima de Edu.

Non veu abaixo o Pontevedra. Borjas e Jandrín, especialmente o primeiro, coa súa velocidade, eran un pesadelo para os centrais leoneses Juan Bardal e Santi Santos. Nunha de tantas, Borjas rompe en velocidade polo centro, queda só ante Diego Calzado que lle derruba. Penalti claro e expulsión que o árbitro deixa en amarela ante o enfado e incomprensión da bancada. O mesmo Borjas non dubida e transforma o tanto do empate, cun disparo axustado ao pau dereito, pouco antes do descanso.

Pero se a primeira parte foi intensa, os primeiros minutos da segunda foron vibrantes. O Pontevedra saíu envorcado encerrando á Cultural na súa parcela, non permitíndolle saír de atrás, cunha intensidade na presión que asfixiou aos leoneses.

Froito desa intensidade, despois dun par de avisos, chegaría o segundo gol, que culminaba a remontada. Unha acción de recuperación de Quejeiro transfórmaa Borjas nunha asistencia, poñendo o balón nas costas dos centrais para a chegada de Jandrín en velocidade. O dianteiro asturiano acerta a meter a punteira antes de que Diego Calzado puidese chegar ao balón.

Tratou de cambiar o curso do xogo o técnico visitante movendo o banco, pero o Pontevedra non lle concedeu case nin opcións. Unicamente un remate de cabeza de Aketxe, que se marchou fóra. Logo, os granates ameazaron máis dunha vez coa sentenza, ata chegar a un final trepidante pola súa intensidade, nun partido que terminou co público local posto en pé despedindo aos seus, como xusto premio a un ano fantástico.

PONTEVEDRA CF (2): Edu; Adrián, Campillo, Capi, Verdú; Pedro García, Queijeiro; Jandrín (Tomás, minuto 69), Mouriño (Bruno, minuto 80), Borjas; e Pablo Carneiro (Anxo, minuto 65).

CULTURAL LEONESA (1): Diego Calzado; Aitor, Santi Santos (Orodea, minuto 78), Bardal, Tejedor; Nacho Matador, Iosu (Babalola, minuto 63); Javi Navas, Cristóbal, Gonzalo (Villarejo, minuto 86); e Aketxe.

Árbitro: Fernando Bueno Prieto (Madrid), auxiliado nas bandas por Guillermo Santiago Sancristán e Pablo Puente Bonilla. Amoestou a Anxo e Edu, polo Pontevedra, e a Santi Santos, Diego Calzado, Aitor e Bardal, pola Cultural Leonesa.

Goles: (0-1) Minuto 32: Aketxe. (1-1) Minuto 43: Borjas, de penalti. (2-1) Minuto 59: Jandrín.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 4.500 espectadores.