Conta atrás do Team Thunder cara ao Campionato de España de boxeo olímpico

Marín
17 de xuño 2017

Catro boxeadores do club marinense afinan estes días a súa preparación para representar a Galicia no Campionato de España que se celebrará o próximo 3 de xullo en Murcia

Aarón González, Rocío Suárez e Lorea Murgoitio no Nacional de Boxeo Olímpico na Coruña Team Thunder Marín

Catro púxiles do Team Thunder de Marín afinan estes días a súa preparación cun só obxectivo en mente, o próximo Campionato de España de Boxeo Olímpico Elite que se disputará o próximo 3 de xullo en Murcia.

Os deportistas do club marinense representarán a Galicia buscando repetir presenza no podio como en pasadas edicións coa novidade de Abel Ferreira, que debutará en en competición nacional tras unha primeira metade da tempada na que sumou tres vitorias na categoría superligero.

Rocío Suárez, medalla de bronce en 2015 e de prata o pasado ano no peso minimosca, acudirá á cita coa ilusión de pelexar pola medalla que lle falta, o ouro.

Pola súa banda Lorea Murgoitio, que o ano pasado logrou un bronce neste campionato e un ouro no Nacional de Clubs, sobe de categoría e estréase no peso pluma feminino.

O último en lograr a súa clasificación para o Campionato de España foi Aarón González, que venceu nun combate de preselección no peso welter a José Martínez, boxeador dominicano afincado en Vigo. O marinense con este combate chegou á cifra de 115 duelos oficiais en boxeo olímpico.