Conseguir os recursos para competir en División de Honra, un reto de altura para o Bádminton Pontevedra

Pontevedra
22 de xuño 2020

O conxunto pontevedrés, fundando en 2016, competirá o próximo curso na máxima categoría nacional, polo que busca os apoios e recursos suficientes para afrontar a aventura. Este luns recibiron un recoñecemento polo seu ascenso no Concello, sendo recibidos polo alcalde e o concelleiro de Deportes

Recepción municipal ao Bádminton Ravachol Pontevedra polo seu ascenso a División de Honra Mónica Patxot

Fundado en 2016, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra traballa contrarreloxo para cumprir os requisitos económicos para o que será o seu debut na máxima categoría nacional, a División de Honra. 

Precisamente ese ascenso motivou, superada a fase de restricións impostas polo Covid-19, un recoñecemento oficial á entidade deportiva por parte do  Concello de Pontevedra. Así, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron aos integrantes do equipo que conseguiu o ascenso de categoría.

"Chegamos no 2016 pero o proxecto desde o principio foi ambicioso, porque Pontevedra era unha das poucas grandes cidades sen bádminton", recoñeceu antes os responsables municipais o máximo responsable do Ravachol, Jesús Pereiro.

Con todo o Bádminton Pontevedra vive estes días no medio de certa incerteza, xa que "o salto de categoría é enorme", sinala Pereiro. Tanto é así que practicamente terán que dobrar o seu orzamento ao pasar de "xogar 5 xornadas de concentración a xogar 14 máis play- off, e xa xogando na casa e fóra. Os gastos multiplícanse moitísimo", explicou o técnico.

Ademais "se queremos ser competitivos imos ter que fichar. É unha liga na que practicamente todos os equipos teñen xogadores estranxeiros".

Para todo iso "estamos na procura de patrocinadores", afirmou o responsable da entidade deportiva atopando a complicidade dun Concello que "no que estea nas nosas mans tentaremos botar un cable", recoñeceu á súa vez o edil de Deportes, Tino Fernández.

No encontro non pasou desapercibida unha circunstancia, que recibiron con curiosidade os responsables municipais, e é que o debut do Ravachol Pontevedra en División de Honra pode provocar que veña a disputar unha xornada de liga a gran figura española do bádminton, a campioa olímpica Carolina Marín, actualmente nas filas do Club Bádminton Pitiús de Eivissa. Claro que para Jesús Pereiro "a nivel deportivo mellor que non veña", rematou con humor. A ilusión polo menos seguro que ninguén lles gaña.