Confirman a finalización das ligas nacionais de tenis de mesa: "Era imposible poder acabarlas"

Pontevedra
02 de abril 2020

Para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, con equipos na Superdivisión Masculina e a División de Honra Feminina, trátase da decisión correcta dadas as circunstancias porque continuar "ya no tenía mucho sentido", defende o seu adestrador Nando Álvarez

Xornada 12 do Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión masculina fronte ao Leganés Diego Torrado

As competicións nacionais empezan a decidir que facer ante a incidencia da crise sanitaria do coronavirus COVID-19.

Unha das primeiras federacións en confirmar que dá por finalizada a tempada nas súas ligas nacionais foi a Real Federación Española de Tenis de Mesa, nunha circular feita pública este mércores 1 de abril.

"Seguir ya no tenía mucho sentido. Era imposible poder acabarlas", defende desde Pontevedra o adestrador do Tenis de Mesa Monte Porreiro, Nando Álvarez, conforme coa decisión adoptada.

Coa maioría dos xogadores estranxeiros nos seus respectivos países e coas restricións fronteirizas que se esperan durante meses, os equipos tiñan moi complicado seguir adiante coa competición aínda que se levantase o estado de alarma.

Para o club pontevedrés, esta decisión cóllelle cos seus equipos "bien situados", sinala Álvarez, polo que viven a situación cun pouco máis de tranquilidade. O conxunto masculino de Superdivisión, na súa segunda campaña na máxima categoría, tiña asegurada a permanencia e marchaba quinto pelexando mesmo pola opción de lograr praza europea, mentres que o feminino de División de Honra estaba colocado no medio na táboa, nunha cómoda sétima posición.

"La pena es el equipo de 1ª Nacional porque queríamos subirlo a División de Honor", recoñece o adestrador pontevedrés.

De todos os xeitos a circular federativa non recolle aínda que pasará co título de liga, ascensos e descensos, dándose de prazo para establecer os seus criterios ata o próximo 30 de abril.

Por outra banda danse ata o día 15 deste mes para tomar unha decisión sobre a disputa do Campionato de España 2020, que se ía celebra do 18 ao 28 de xuño en Benimámet (Valencia). Desde o Monte Porreiro, que tiñan pensado acudir á cita cun importante número de xogadores de todas as categorías, teñen claro de todos os xeitos que tristemente "no se va a poder hacer", co que o fin da tempada sería un feito para todos os efectos.