O presidente da Federación Española de Loita, Javier Iglesias, xa falaba hai uns días sobre a posible ausencia de loitadores rusos nos mundiais de Loitas Olímpicas e Grappling que se celebrarán en outubro en Pontevedra. Este xoves, a United World Wrestling confirma a través dun comunicado que non permitirán a ningún deportista ruso nin bielorruso participar en competicións oficiais.
"Nesta situación deplorable, a Oficina decidiu que ningún loitador ou oficial pertencente ás federacións afiliadas e asociadas da UWW en Rusia e Bielorrusia será, con efecto inmediato, convidado ou autorizado a participar en competencias internacionais no calendario da UWW", recolle o comunicado.
Do mesmo xeito, quedan tamén canceladas todas as competicións internacionais previstas en chan ruso ou bielorruso.
A decisión foi tomada de acordo coas recomendacións do Comité Olímpico Internacional e seguindo os pasos doutras federacións como a de tríatlon ou a UEFA.
Aínda que o veto dependerá da evolución do conflito, se a situación non varía os campionatos do mundo sub 23 de Loitas Olímpicas e os cadete e júnior de Grappling previstos en Pontevedra entre o 14 e o 23 de outubro celebrarase sen deportistas destas dúas nacionalidades.