Confirmado: o Grupo I de 2ª B estará composto por equipos de Galicia, Asturias, Madrid, Canarias, Baleares e Melilla

Pontevedra
10 de xullo 2019
Actualizado: 18:47

A comisión mixta da categoría, celebrada este mércores na Real Federación Española de Fútbol, confirmou a polémica repartición de grupos na categoría de bronce. O Pontevedra asume con resignación un reparto que non desexaba polos longos desprazamentos e polo alto nivel orzamentario dos clubes da costa do Mediterráneo

Partido entre Real Madrid Castilla e Pontevedra en Valdebebas Mosrey Fotografía

Xa non hai volta atrás, é oficial. O Pontevedra viaxará a próxima tempada ás Illas Baleares, Illas Canarias e tamén a Melilla, ademais de Madrid e Asturias.

A comisión mixta da Real Federación Española de Fútbol que rexe a Segunda División B aprobou este mércores a polémica repartición de grupos, ante o enfado xeneralizado dos equipos galegos, representados polo presidente do Coruxo, Gustavo Falque.

Desta maneira, o Grupo I estará composto polos 4 equipos galegos (Pontevedra, Coruxo, Celta B e Rácing de Ferrol), 4 equipos asturianos (Marino de Luanco, Langreo, Oviedo B e Sporting B), 7 madrileños (San Sebastián de los Reyes, Real Madrid Castilla, Rayo Majadahonda, Las Rozas, Atlético de Madrid B, Getafe B e Internacional), 3 conxuntos das Illas Baleares (Atlético Baleares, Ibiza e Peña Deportiva), un canario (Las Palmas Atlético) e a UD Melilla.

Non será a primeira vez que o club da cidade autónoma estea encadrado no grupo norte. A última ocasión foi a campaña 2005/2006.

En canto ao resto da categoría de bronce, o Grupo II reuniría a País Vasco (Real Unión, Barakaldo, Amorebieta, Leioa, Athletic B, Arenas, Alavés B, Real Sociedad B), Navarra (Tudelano, Izarra, Osasuna  B), A Rioxa (Calahorra, Haro, UD Logroñés) e Castela-León (Unionistas, Cultural Leonesa, Guijuelo, Burgos, Salamanca UDS, Valladolid B). O Grupo III pola súa banda estará formado por Cataluña (Badalona, Sabadell, Nástic de Tarragona, Prat, Llagostera, Cornellá, Lleida, Olot, Espanyol B, Barcelona B, Reus), Comunidade Valenciana (Orihuela, Hércules, Castellón, La  Nucia, Valencia B, Levante B, Vilarreal B) e Aragón (Ebro, Ejea). En canto ao Grupo IV, xogarán equipos de Andalucía (Atlético Sanluqueño, San Fernando, Marbella, Recreativo, Algeciras, Balompédica Linense, Córdoba, Granada B, Cádiz B, Sevilla B), Murcia (Cartagena, Real Murcia, UCAM, Yeclano), Estremadura (Mérida, Don Benito, Badajoz) e Castela A Mancha (Villarrobledo, Talavera, Villarrubia).

A pesar de que Galicia defendía na comisión unha repartición diferente (Galicia, Asturias, A Rioxa, Castela-León e Navarra), esta proposta non contou con respaldo, ante a unidade doutras federacións que estaban conformes coa división.

Esta decisión debe ser referendada agora pola asemblea da Real Federación Española de Fútbol, aínda que se trata dunha pura formalidade xa que o que se acorda na comisión mixta é cada ano a composición final da Segunda División B.