Sen perder tempo o Pontevedra Club de Fútbol púxose ao choio para encher o Estadio Municipal de Pasarón no partido de ida da eliminatoria polo ascenso que lle enfrontará ao Real Murcia o vindeiro sábado 20 de maio ás 20:00 horas.
O club granate fixo público o prezo das entradas para o público e do suplemento para os socios, que tamén deberán pasar por despacho de billetes.
Os abonados da entidade, de calquera das bancadas, terán que adquirir un suplemento de 8 euros, aínda que este será gratuíto se compran dúas entradas para público grazas a unha promoción de Clínica Murillo e Sanifax.
Pola súa banda o prezo das localidades será de 25 euros na bancada de Tribuna, 20 euros en Preferencia e 15 euros nos fondos. Neste caso, o patrocinio de Conservas Pescamar fará que as primeiras 250 entradas de cada bancada teñan un desconto de 5 euros (20, 15 e 10 euros respectivamente).
En canto ao público menor de 18 anos, a súa entrada custará 5 euros, sendo de balde para os socios.
As entradas poñeranse á venda desde este martes nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e tamén no Café Bar Carabela, mentres o sábado o despacho de billetes do estadio estará aberto desde as 16:00 horas.