Os campionatos de España por equipos e individual de ximnasia rítmica, que se celebrarán en Pontevedra entre o 25 de xuño e o 5 de xullo, reunirán en Pontevedra segundo as previsións a preto de 1.200 deportistas (425 na competición de equipos e 765 na individual).
Trátase dunhas competicións organizativamente complexas, xa que a altura necesaria para realizar os exercicios obrigan a que se celebre no pavillón do Recinto Feiral.
Alí instalaranse nove tapices de competición, oito deles de quecemento e un central que estará rodeado dunha bancada con capacidade para 2.000 persoas, segundo avanzou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
Así llo fixo saber aos clubs de ximnasia cos que se reuniu na tarde do martes para avanzar nos aspectos organizativos de ambas as dúas citas.
"Temos a esperanza de que ofreceremos uns campionatos da máxima calidade e, sobre todo, moi cómodos tanto para os deportistas como para o público", sinalou Fernández.
Os clubs da bisbarra invitados a esta reunión foron As Triscas, Vagalume, Xiada, Rías Baixas, In Mare, Arousa e Saraiba.