Complicado arranque de competición para Fernando Echávarri e Tara Pacheco en Río

Pontevedra
11 de agosto 2016

O regatista pontevedrés e a súa compañeira no Nacra 17 son décimo oitavos tras unha difícil primeira xornada de competición na Baía de Guanabara, caracterizada polo vento inestable e a choiva. Aínda teñen tres xornadas clasificatorias por diante para recuperar posicións e entrar na Medal Race

Fernando Echávarri e Tara Pacheco na primeira xornada dos Xogos Olímpicos de Río Pedro Martínez / RFEV

Difícil primeira xornada de competición a que tiveron que afrontar o pontevedrés Fernando Echávarri e a canaria Tara Pacheco na estrea da clase Nacra 17 de vela nos Xogos Olímpicos.

Vento inestable, con cambios de intensidade, pozos e choiva, complicaron as regatas iniciais na Baía de Guanabara.

Echávarri e Pacheco foron décimo sextos na primeira manga e duodécimos na seguinte quenda para clasificar provisionalmente na décimo oitava praza da xeral provisional.

Na primeira manga a parella española saíu na metade da frota, o que dificultou a súa chegada á primeira aboia. Pola súa banda na segunda roldaron o top-10 pero terminaron cedendo posicións.

Estaba prevista unha terceira regata, pero as malas condicións fixeron que se dese por finalizada a xornada con dúas probas, tras as que lideran os suízos Matias Buhler e Nathalie Brugger.

Por diante Echávarri e Pacheco teñen aínda tres xornadas de clasificatorias para escalar posicións e tentar chegar á Medal Race do próximo martes 16 de agosto.