Competición confirma unha multa "leve" ao Pontevedra polo lanzamento de botellas de auga en Pasarón

Pontevedra
21 de novembro 2024

O Xuíz Único do Comité de Competición confirma a sanción ao club granate por unha "alteración da orde do encontro de carácter leve" ocorrida durante o partido contra o Bergantiños

O árbitro entrega ao 'Secre' unha botella lanzada ao campo durante o Pontevedra-Bergantiños

Por segunda vez nuns meses o Pontevedra Club Fútbol foi multado polo Comité de Competición polo lanzamento de obxectos desde a bancada do Estadio Municipal de Pasarón.

O Xuíz Único confirmou na súa resolución desta semana unha sanción económica ao Pontevedra por unha "alteración da orde do encontro de carácter leve".

Esta situación responde o lanzamento de botellas de auga ao terreo de xogo durante a celebración do gol dos granates contra o Bergantiños, o pasado sábado 16 de novembro.

O suceso quedou reflectido na acta oficial do encontro ao explicar o colexiado que "foron arroxadas dúas botellas de auga ao terreo de xogo, non impactando en ninguén ningunha delas".

De feito o árbitro chegou a entregar unha desas botellas ao delegado de campo.

A sanción enmárcase no Artigo 117 do Código Disciplinario da Real Federación Española de Fútbol, que especifica que "o club responsable será sancionado con multa de até 602 euros".

Non é o caso do Pontevedra, e é que a multa se move nunha orquilla media-baixa, aínda que é superior aos 150 euros impostos polo lanzamento de "mazapáns e varias botellas de auga valeiras" durante a final polo ascenso fronte ao Betis Deportivo.

Competició ratifica ademais as sancións deportivas esperadas a Samu Mayo e Yelko Pino, que deberán cumprir un encontro de suspensión por acumulación de amoestacións.