Sen facer un gran partido, cunha primeira parte discreta, o Pontevedra conseguiu unha cómoda vitoria e mesmo puido obter unha goleada maior na segunda, ante un frouxo Cultural Areas, que apenas inquietou en ataque e xogou a mercé da inspiración dos homes de Luisito.
O técnico local apostou de saída por entregar o manubrio creativo do equipo a Tomás, deixando na bancada a Mouriño, ademais de cubrir a baixa no lateral de Adrián situando a Tubo nesa posición, con Anxo por diante. Buscaba maior posesión de balón e esa calidade no pase entre liñas que podía achegar o canteirán Tomás, en previsión de que o Cultural Areas acumulase homes atrás, tratando de pechar espazos.
A aposta deu o resultado lóxico. O Pontevedra fíxose pronto co control, movendo o balón con criterio, case sempre a partir dos movementos de Tomás, que aparecía para ofrecerse e conectar cos homes de arriba.
Malia iso, o dominio non se transformaba en chegadas de moito perigo, salvo cando os laterais encontraban o carril aberto para incorporarse. Precisamente o primeiro aviso chegaba nunha acción así, por medio de Tubo, que lanzou un disparo envelenado, minuto 9, lixeiramente cruzado.
O Cultural Areas non daba sinais de perigo. As súas tímidas aproximacións morrían na liña de tres cuartos, sen inquietar nin pisar a área local máis que nun lanzamento de falta lateral, que solucionou con seguridade Edu.
Sen alardes, o Pontevedra daba a impresión de estar sempre máis preto de facer algo que o seu adversario, como consecuencia da maior calidade dos seus homes. E así foi. Corría o minuto 18 cando Jacobo supera o seu lateral, Marcos, e encontra o espazo para poñer un centro medido. Pablo Carnero anticípase peiteando o balón e Álvaro Muñiz, chegando dende atrás, remata a pracer. Ao cabo sería a única xogada de mérito de todo o primeiro tempo.
Pero, lonxe de asentar o xogo local, xa sen présas, o gol pareceu adormecer aos de Luisito, que perderon o control e a posesión, cometendo constantes erros nas entregas e combinacións. A consecuencia foi que o partido entrou nunha fase na que o recurso duns e outros era sacarse o balón de enriba sen complicacións nin riscos, coas áreas como "elementos estraños" que ninguén conseguía pisar.
Así sen chegaba ao descanso, sen nada máis que destacar que un remate de Jacobo, minuto 44, nun pase diagonal de Anxo, que non encontrou portaría, para pechar unha primeira parte aburrida e de escasa calidade.
O da segunda parte foi outra historia. Os visitantes víronse sorprendidos por un Pontevedra que saíu con máis intensidade e pechou o partido nun suspiro. Primeiro apareceu Tomás para filtrarse entre a defensa co balón controlado. Cando quedaba ante Nucho, Costas derruboulle, minuto 49. O claro penalti transformouno Pablo Carnero, cun disparo raso e duro. Catro minutos máis tarde Anxo poñía a guinda cun "gol olímpico", lanzando un corner dende a dereita que botou na área e se coou por alto na escuadra.
Luisito decidiu reservar forzas, sentando un inspirado Pablo Carnero que ameazaba con facer un estrago maior na zaga visitante, para dar entrada a Jorge. Antes, Anxo tivo un par máis de oportunidades, a servizo do propio Pablo Carnero, que lle escaparon por moi pouco.
O resto foi esperar que pasasen os minutos, cun Pontevedra cómodo e un Cultural Areas resignado, sen capacidade de resposta.
Nesa espera, accións que puideron servir para ampliar bastante máis a conta. As máis destacadas sempre saíndo das botas de Anxo. Unha delas, minuto 76, cun pase diagonal que deixa só a Jorge. O dianteiro non acerta a resolver ante Nucho. Outra cunha acción individual na que deixa atrás a Belfortti, para estrelar o balón no longueiro.
Tamén tivo a súa Jorge, minuto 81, que a pesar de marcar a pasada semana, volveu demostrar que o seu idilio co gol segue roto. Recibiu un sensacional pase interior de Álvaro Muñiz, pero cruzou en exceso o remate, mandando o balón fóra.
PONTEVEDRA, C.F. (3): Edu (1); Tubo (1), Pablo (2), Bruno (2), Rubén Lobato (1); Kevin Presa (1), Álvaro Muñiz (2); Anxo (3), Tomás (2), Jacobo (2); e Pablo Carnero (3).
Substitucións: Jorge (1) por Pablo Carnero, minuto 62. Centrón (1) por Jacobo, minuto 69. Benja (1) por Tomás, minuto 74.
CULTURAL AREAS (0): Nucho (2); Marcos (1), Belfortti (2), Costas (1), Alba (1); Titi Romero (1), Ramos (2); Hugo (1), Mota (1), Luismi (1); e Hueller (1).
Substitucións: Couso (1) por Marcos, minuto 63. Cuadrado (1) por Mota, minuto 63. Manu Vilán (s.c.) por Luismi, minuto 79.
Árbitro: ÿscar Carballo Vázquez (Lugo), auxiliado nas bandas por Sergio Manjón Villazala e César García Peñacoba. Amoestou a Tubo, Kevin Presa e Bruno, polo Pontevedra, e a Marcos, Titi Romero, Costas e Couso, polo Cultural Areas.
Goles: (1-0) Minuto 18: Álvaro Muñiz. (2-0) Minuto 49: Pablo Carnero, de penalti. (3-0) Minuto 53: Anxo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores. Antes de comezar o partido gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Eduardo Sousa, pai do porteiro do Pontevedra, Edu.