Cómoda vitoria do Arxil contra o Aridane na Raña (75-43)

Pontevedra
20 de novembro 2022

O equipo adestrado por Mayte Méndez tivo que desprazarse ao Pavillón da Raña, en Marín, debido á celebración do campionato galego de break dance na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. E sentoulle máis que ben esta mudanza, mostrando unha clara superioridade en todas as facetas de xogo que lles permitiu facerse cun novo triunfo  

Partido entre CB Arxil e Barakaldo no CTGD Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil sumou esta fin de semana a súa terceira vitoria consecutiva e cuarta da tempada ante o penúltimo clasificado Aridane nun partido cómodo para as pontevedresas.

O equipo adestrado por Mayte Méndez tivo que desprazarse ao Pavillón da Raña, en Marín, debido á celebración do campionato galego de break dance na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. E sentoulle máis que ben esta mudanza, mostrando unha clara superioridade en todas as facetas de xogo que lles permitiu facerse cun novo triunfo.

De feito, a solidez defensiva realizada durante o primeiro cuarto valeulle ao Arxil para asinar un parcial de 17-3, en parte grazas ao xogo de Forster recollendo rebotes e de Nerea Liste na súa efectividade de fronte ao aro (19 puntos)

Nada cambiou antes de alcanzar o descanso, aínda que o Aridane anotou sete puntos, o dominio das xogadoras de Mayte estaba a ser máximo e elas estaban cómodas sobre a cancha, gozando e facendo gozar do seu xogo (38-10).

Tras o paso polos vestiarios a cousa seguiu igual e mesmo chegou o Arxil a colocarse 38 puntos arriba cando se chegou ao ecuador do terceiro cuarto, pasando a defender sen presión e deixando un pouco máis solto ao seu rival (58-30).

Pero o control era esmagador para as de Pontevedra e mantivérono ata o final, certificando un cómodo triunfo por 75-43 nun encontro no que volveron anotar todas as xogadoras que tiveron minutos.

Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón