Cohete Suárez apúntase a un RallyMix Cuntis Vila Termal que promete emocións fortes

Umia
01 de outubro 2024

A sétima edición da proba automobilística, que foi presentada este luns de maneira oficial, celebrarase o sábado 5 e o domingo 6 de outubro como penúltima cita puntuable do Campionato Galego de RallyMix

Presentación do VII RallyMix Cuntis Vila Termal Escudería Cuntis Vila Termal

Conta atrás para que os motores volvan ruxir en Cuntis cunha nova edición do RallyMix Cuntis Vila Termal.

A sétima edición da proba automobilística, que foi presentada oficialmente este luns, celebrarase o sábado 5 e o domingo 6 de outubro, e farao prometendo emocións fortes.

Como cada ano a Escudería Cuntis Vila Termal tiña preparada algunha sorpresa, e esta vez será a participación de José Antonio 'Cohete' Suárez, coñecido piloto asturiano con participacións mundialistas ás súas costas e ata dous títulos no Campionato España de Rallyes de Terra.

Cohete Suárez e o seu copiloto Alberto Iglesias, aos mandos dun Skoda Fabia RS Rally2, prepararán en Cuntis a súa próxima participación no Rally de Catalunya.

O VII RallyMix Cuntis Vila Termal é a penúltima cita puntuable do Campionato Galego de Rallys Mixtos, cun percorrido que mestura terra e asfalto con saída xunto ao paseo fluvial. En total os participantes completarán cinco mangas oficiais cronometradas, tres delas o sábado 5 a partir das 11.30 horas e as dúas restantes o domingo desde as 9.00 horas.