Cisne e Teucro inician na casa a fase polo ascenso e a permanencia

Pontevedra
11 de marzo 2022

Cisne (17:30 horas) e Teucro (20:00 horas) recibirán comezarán esta fin de semana a segunda fase da División Honra Prata enfrontándose a Eivissa e Alarcos Ciudad Real respectivamente no Pavillón Municipal. Para esta cita o conxunto azul permitirá a entrada gratuíta a todas as persoas que non sexan socias do club se entregan un donativo para a poboación ucraína

Partido de División Honra Prata entre Cisne e San Pablo Burgos no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Este sábado arrinca a segunda fase da División Honra Prata para os equipos pontevedreses. Cisne e Teucro, con obxectivos dispares, debutarán como locais nunha primeira xornada ilusionante e vital para ascenso e permanencia.

O conxunto branco (1º con 12 puntos) medirase ás 17:30 horas no Pavillón Municipal ante o Eivissa (7º con 6 puntos), un equipo contra o que se enfrontarán por primeira vez na historia do club. Aínda así, para o segundo adestrador cisneísta, Quiños, é "como un vello coñecido. Hai unha pequena colonia galega encabezada polo seu adestrador, Eugenio Tilve", que militou nas filas do Cisne e na súa etapa como adestrador do cadro insular levouno á fase de ascenso dúas tempadas consecutivas.

Nas filas do Eivissa, destaca Quiños aos canteiráns do Cangas Ángel Rodríguez e Pablo Castro ou ao porriñense Samu Pereiro, ademais dunha serie de xogadores "con experiencia en Asobal" que o fan "un equipo moi completo, moi ben traballado desde a defensa, con boa portería, xogadores en ataque con bo lanzamento e xente con moita capacidade no un contra un ou xogo con pivote".

É por iso que o técnico branco espera "un partido moi complicado, van facer sufrir en defensa. Xogan sen presión e poden meternos en moitos problemas" polo que o obxectivo do Cisne é "tentar recuperar os bos e mellores momentos da primeira fase con bo nivel defensivo e a claridade e ideas en ataque".

De feito, a boa primeira fase realizada permítelle ao conxunto pontevedrés mirar a clasificación desde a cima, onde "desexamos manternos". Pero para iso o equipo branco deberá afrontar a recta final da tempada na que xa de inicio non contará con Jorge Villamarín por unha lesión no seu menisco que o manterá afastado da cancha por un longo período de tempo.

O TEUCRO RECIBE O ALARCOS CIUDAD REAL

No mesmo escenario pero desde unha posición contraposta vivirá a Sociedade Deportiva Teucro o primeiro duelo da segunda volta.

O conxunto adestrado por Irene Vilaboa medirase ao Alarcos Ciudad Real ás 20:00 horas no Pavillón Municipal, onde buscará, arroupado pola súa afección, unha vitoria que lle dea ás para afrontar esta delicada e vital fase na que deberán gañalo practicamente todo se desexan continuar unha tempada máis en División Honra Prata.

Á cita o cadro azul chega último con dous puntos na súa marcadora mentres os manchegos afrontan con máis tranquilidade o duelo ao atoparse en sexta posición con nove puntos.

Para este partido o Teucro permitirá a entrada gratuíta a todas as persoas que non sexan socias do club pero entreguen unha achega para a poboación ucraína. A asociación AGA (Asociación Galega de Axuda a Ucraína) recollerá os donativos na entrada do Pavillón Municipal a partir das 19:30 horas.