Cisne e Teucro din adeus á fase final do Nacional Xuvenil

Pontevedra
24 de abril 2022

Os xuvenís de Balonmán buscaban revalidar o título conseguido en 2021 ante o Barcelona e quedáronse fóra da final a oito tras finalizar segundos. Tamén o Teucro, que viaxou a Zarautz, non poido cos seus rivais e concluíu a fase cun terceiro posto

Partido do Sector Xuvenil de Balonmán entre o Cisne e o Ademar de León Cristina Saiz

Non puido ser. Os xuvenís do Club Cisne Balonmán e da Sociedade Deportiva  Teucro foron incapaces de meterse na final a oito tras finalizar segundos e terceiros respectivamente a fase do Sector Nacional.

Os xuvenís do conxunto branco buscaban revalidar o título conseguido en 2021 ante o Barcelona, pero dixeron adeus ao Campionato de España tras conseguir unha segunda posición no Sector Nacional disputado no Pavillón Municipal de Pontevedra esta fin de semana. Gañaron o primeiro partido con solvencia sobre o Areintza (32-18) e cederon ante Gijón (26-28), deixando todo por decidir no terceiro e último partido contra o Ademar León, que concluíu nun agridoce empate a 26.

Conscientes da importancia e do reto que supoñía repetir a xesta do pasado ano, o equipo pontevedrés saíu a por todas. Xogaban en casa, o persoal prometía e así o demostraron. Superaron con fartura ao Areintza grazas á efectividade en ataque de Vicente Domínguez, que anotou 6 dianas, e de Carlos Ocaña e Martín Santos, ambos con 5 tantos. En defensa tamén brillaron, bloqueando por completo ao cadro vasco, terceiro no campionato.

Non correron a mesma sorte no segundo partido. Quizá confiados polo bo facer no día anterior, o Cisne pagou caro as pequenas imprecisións e concedeu unha derrota ante un Gijón que finalizou cuarto.

A hora da verdade chegou na matinal do domingo. Non había marxe de erro, pois os de Pontevedra debían gañar para finalizar primeiros o campionato e con iso meterse na fase final da competición coas oito mellores canteiras do país.

Pero non saíron ben as cousas ao Cisne, que tiña en fronte a un Ademar León que tiña o partido no bote. E máis despois do mal inicio dos brancos, que cederon un parcial de 3-8 nada máis comezar.

Puxéronse as pilas os xogadores de Pontevedra, non quedaba outra, e reduciron distancias para chegar ao descanso cunha diferenza de tan só tres tantos (12-15).

Aínda quedaban 30 minutos por disputar pero a reacción era máis que urxente. Así, concentrados e conscientes da importancia de saír enchufados do vestiario, os canteiráns do Cisne revolucionaron o Municipal cun impecable arranque cun parcial de 6-1 que lles daba esperanzas (18-16).

Pero un tempo morto do Ademar León devolveu a igualdade ao partido. É verdade que os brancos chegaron a conseguir unha renda importante de tres goles para finalizar primeiros, pero o equipo contrario, liderado polo mozo Javi Miñambres (11 goles), todo un pesadelo para a defensa, fixo os deberes ata o bocinazo final para asinar un empate que lles soubo a triunfo e deulles o pase á seguinte fase (26-26).

OS XUVENÍS DO TEUCRO FINALIZAN TERCEIROS

Tampouco os canteiráns da Sociedade Deportiva Teucro, que viaxaron a Zarautz, conseguiron pasar de fase no Campionato de España.

Neste caso, perderon os dous primeiros partidos ante os locais (29-22) e ante o Grupo IMQ (32-19). Gañaron, iso si, o último partido no que xa non se xogaban nada, superando por 32-28 ao Albergue Corconte Pereda de Santander.

Estes resultados déronlle a terceira posición aos de Pontevedra, superados tan só polo Grupo IMPQ, que foi primeiro, e o Zarautz, segundo. Pechou a clasificación o cadro santanderino tras perder todos os encontros disputados.