Cinco equipos de La Vuelta establecerán a súa base en Cambados e Pontevedra

Pontevedra
09 de setembro 2014

Movistar, Sky e Tinkoff-Saxo aloxaranse en Cambados, mentres Katusha e Europcar o farán en Pontevedra con motivo das etapas que a rolda ciclista disputará na provincia o próximo xoves 11 de setembro e venres 12

Caravana de La Vuelta en Pontevedra durante a edición de 2013 PontevedraViva

A caravana multiculor de La Vuelta Ciclista a España segue o seu curso a poucos días de visitar a provincia de Pontevedra, onde permanecerá durante dúas xornadas.

Tras a xornada de descanso prevista para este martes, o pelotón chegará a Galicia para disputar a etapa entre Ortigueira e A Coruña, o mércores día 10 de setembro.

En canto conclúa esta etapa os equipos dirixiranse aos seus cuarteis xerais, que quedarán establecidos en hoteis da provincia.

Deste modo Cambados e Pontevedra acollerán a cinco escuadras de mércores a xoves 11, día no que La Vuelta afrontará a súa décimo oitava etapa con saída na Estrada e chegada en Monte Castrove Meis.

Entre eses equipo encóntranse os grandes favoritos para gañar a carreira. Así o Parador de Cambados será a sede do Movistar Team de Alejandro Valverde e o Hotel San Marcos da mesma localidade recibirá o Tinkoff-Saxo de Alberto Contador e o Team Sky do británico Chris Froome.

Pola súa banda Pontevedra aloxará dous equipos, o Team Katusha liderado por Joaquim Rodríguez, que se hospedará no Galicia Palace, e o Team Europcar, que quedará dúas noites no Hotel Campaniola.

O Europcar será o único destes equipos que quede dúas noites no mesmo lugar, pois os demais cambiarán de hospedaxe antes de afrontar a segunda das etapas pola provincia, a que unirá Salvaterra e Cangas o venres 12 de setembro.

O resto da caravana de La Vuelta aloxarase na súa maioría en hoteis de Vigo pero tamén en localidades como Lalín, Mondariz, Tui e Silleda o mércores e tamén Ourense, Laias e O Carballiño o xoves.

Arquivado en