Cinco canteiráns do Pontevedra, na busca da súa oportunidade

Pontevedra
23 de xullo 2024

A pretempada do Pontevedra Club de Fútbol arrincou con cinco futbolistas entre os citados por Yago Iglesias procedentes da canteira granate. Todos eles eran a pasada campaña de idade xuvenil, aínda que en moitos casos chegaron a debutar co filial en Terceira RFEF

Pedro Ares, adestrando co primeiro equipo do Pontevedra CF na Xunqueira
Pedro Ares, adestrando co primeiro equipo do Pontevedra CF na Xunqueira / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou formalmente a pretemporada con 20 fichas ocupadas do máximo de 25 que permite a competición.

Coas 16 fichas sénior ocupadas, aínda que coa incógnita de que sucederá con Borja Domínguez, búscanse reforzos para completar o plantel, sen descartar que nalgún caso a solución poida estar na casa.

Nese aspecto, ata cinco futbolistas procedentes das categorías inferiores iniciaron a pretempada en dinámica do primeiro equipo, todos eles coa ilusión de convencer a Yago Iglesias e poder gañar unha oportunidade de asomar a cabeza no persoal de Segunda RFEF.

"O proxecto de transversalidade filial-canteira vai continuar", recoñeceu de feito Yago Iglesias na recente presentación de Jacobo Maestre como coordinador da secretaría técnica. "Queremos ver ao mozos do filial e do xuvenil", avanzou entón o técnico.

Os cinco escollidos para adestrar co primeiro equipo aínda eran xuvenís a pasada tempada. Deles catro pasan en principio a formar parte do Pontevedra B na categoría de Preferente, e o quinto seguirá a priori como xuvenil tras o salto a División de Honra.

Trátase de Román Moldes, dianteiro formado na canteira granate desde hai anos e que o pasado curso xogou 30 encontros co xuvenil de Liga Nacional nos que anotou 16 goles. Ademais chegou a debutar co filial en Terceira RFEF.

Na dianteira actúa tamén Jairo López, futbolista fichado en idade xuvenil desde o Celta-Gran Peña que a tempada recentemente finalizada disputou 25 encontros en Liga Nacional (8 goles) e cinco no Pontevedra B (1 gol).

Dous dos canteiráns citados teñen como a súa zona de actuación o centro do campo. Son Sergio Canosa e David Marqués. Ambos os dous contan cunha traxectoria similar, tendo recalado no Pontevedra en idade cadete tras iniciarse noutros clubs da Boa Vila. O último ano disputaron 19 e 22 encontros respectivamente no xuvenil de Liga Nacional, con dúas aparicións no filial.

Para a defensa Yago Iglesias chamou a Diego González, futbolista captado a pasada tempada desde a UD Santa Mariña e que disputou 28 encontros co xuvenil (2 goles) e 2 co filial.

Por último exercítase co primeiro equipo este verán Pedro Ares, gardameta que tras iniciar o curso pasado no xuvenil (10 encontros) deu o salto á Terceira RFEF co Pontevedra B disputando 15 encontros co segundo equipo.