"O ciclocrós mundial xa sabe onde está Galicia e que Pontevedra pode alcanzar calquera meta"

Pontevedra
06 de novembro 2024

O alcalde de Pontevedra e o presidente da Federación Galega de Ciclismo fixeron balance dun "histórico" Europeo de Ciclocrós celebrado na Illa das Esculturas

Rolda de prensa de balance do Europeo de Ciclocrós de Pontevedra Concello de Pontevedra

O Campionato de Europa de Ciclocrós celebrado na Illa das Esculturas foi "histórico".

Así o aseguraron este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, nunha comparencia para facer balance desta competición internacional.

"Pontevedra fixo historia e o ciclocrós mundial xa sabe falar castelán, o ciclocrós mundial xa sabe onde está Galicia e que Pontevedra pode alcanzar calquera meta que se propoña", asegurou o presidente federativo.

Muñiz avanzou ademais que de cara ao futuro "non descartamos unha Copa do Mundo", aínda que sen présa por logralo.

"Non temos a historia de ciclocrós que teñen outros países. Foi un éxito deportivo espectacular e un éxito organizativo espectacular", destacou pola súa banda o alcalde.

Ambos os dous dirixentes ofreceron tamén algúns datos concretos do vivido máis aló do deportivo, onde resaltou a histórica medalla de palata elite do alacantino Felipe Orts. Neste sentido estímase que 9.000 persoas presenciaron en directo esa carreira elite masculina, con televisión en directo para 20 países a través da canle Eurosport, o que supón "unha proxección que non é medible".

Lores destacou que celebrar un Europeo en Pontevedra "é sementar desde o punto de vista da promoción da cidade pero tamén sementar en deportes onde non temos aínda referentes".

Por último, en referencia ao soño de poder acoller algún día unha competición de ciclocrós de envergadura mundial, o alcalde asegurou que "é viable pero dáme a impresión de que falta algún tempo para facer unha proba desas características".