O ciclismo de montaña cítase este domingo para a II BTT Camiños de Barro

Barro
10 de decembro 2024

A proba, de 50 quilómetros, non será competitiva. Dentro do percorrido si que haberá unha cronoescalada, un treito dun quilómetro que contará cunha cronometraxe específica e que repartirá premios

Presentación da segunda edición da BTT Camiños de Barro Concello de Barro

Uns 450 amantes do ciclismo de montaña daranse cita este domingo 15 de decembro para participar na segunda edición da BTT Camiños de Barro.

É unha actividade organizada polo Concello de Barro, en colaboración co Club Ciclista Ribadumia.

A proba, que se presentou este luns no parque da Barosa, será un percorrido de 50 quilómetros de longo que atravesará os montes das parroquias da Portela, Perdecanai e Barro.

O circuíto está especialmente deseñado para sorprender e coñecer os recunchos patrimoniais e naturais que se agochan en Barro, segundo o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Os 50 quilómetros da proba, a pesar de non ser competitiva, estarán cronometrados para que as persoas participantes poidan coñecer os seus tempos.

Dentro do percorrido si que haberá unha cronoescalada, un treito de menos dun quilómetro que si que será competitivo e que contará cunha cronometraxe específica.

Ese treito leva por nome "A subida das ánimas" e agocha sorpresas para os ciclistas, quen terán que apertar para conseguir facerse cos trofeos que se reparten nas catro categorías desa cronoescalada: absoluta feminina, absoluta masculina, ebike feminina e ebike masculina.

Ducias de voluntarios e voluntarias estarán repartidas por todos os cruces e zonas técnicas para vixiar que todo decorra coa máxima seguridade tanto para as persoas participantes como para vehículos e veciñanza en xeral.

Os participantes recibirán un agasallo conmemorativo da proba e terán durante o percorrido un total de tres avituallamentos, dous deles líquidos e un sólido e líquido.

Ademais, tamén haberá petiscos para que cando os participantes cando crucen a liña de meta vaian repoñendo forzas e poidan gozar dun momento de convivencia.

Fernández Abraldes celebrou que Barro poida contar cun evento deportivo "que se consolida e que converte o noso concello por un día na capital do ciclismo galego de montaña".