Churre prognostica un Pontevedra sen complexos en Riazor: "Podemos competir alí"

Pontevedra
14 de setembro 2022

O central marinense asegura que visitarán o Deportivo, un dos máximos favoritos ao ascenso, "coa idea de ser sólidos e co balón protagonistas". Farano ademais apoiados pola afección pontevedresa tentando "que sentan orgullosos dos seus xogadores"

Churre, no partido de liga entre Pontevedra e Salamanca CF UDS en Pasarón
Churre, no partido de liga entre Pontevedra e Salamanca CF UDS en Pasarón / Cristina Saiz

Reforzados polo seu triunfo contra o Talavera e tras a xornada de descanso do martes, o Pontevedra Club de Fútbol regresou este mércores aos adestramentos centrado xa no complicado compromiso da próxima fin de semana, no que visitará a un dos máximos favoritos ao ascenso como é o Real Club Deportivo no Estadio Municipal de Riazor (domingo, 19.00 horas).

Será unha cita de esixencia máxima, pero non por iso mingua o optimismo do plantel granate. Así o expresa un dos pesos pesados do vestiario, Víctor Vázquez 'Churre'.

"Medo non lle podes ter a ningún equipo, si respecto. Respectamos o Depor, desde a humildade imos preparar o partido o mellor posible", asegura o central marinense, que quere demais sacarse a espiña da vista de hai dúas tempadas a Coruña (derrota 1-0 nun momento decisivo do curso).

"Imos coa idea de ser sólidos e co balón protagonistas", avanza, para quen a clave será "centrarnos en facer un bo partido, completo, un partido no que estemios intensos e ben co balón. Creo que podemos competir alí".

Un punto a favor será a importante presenza de afeccionados pontevedreses que se esperan nas bancadas de Riazor. "Sabemos que vai haber xente connosco, empuxándonos, e imos traballar por eles, tentar que sentan orgullosos dos seus xogadores e traer de volta algo positivo", defende Churre.

Trátase ademais dun rival máis da categoría, unha Primeira RFEF que se algo demostrou nas tres xornadas que se disputaron ata a data é que "non hai un partido fácil, todos os planteis están feitos de xente de moita calidade e con experiencia en categorías superiores mesmo. Non o vai a poñer fácil ningún equipo".

Tampouco o fará un Pontevedra que viaxará con todo á cidade herculina para afrontar un derbi no que será decisivo "deixar a portería a cero". A iso dedicará o seu esforzo uno dos referentes da afección pontevedresa.