É un dos xogadores máis queridos pola afección e un dos que máis rende sobre o céspede coa camiseta do Pontevedra, unha entrega que lle permite a Víctor Vázquez, Churre, ser elixido outra vez nesta tempada como o mellor xogador do mes do conxunto granate. Despois de recoller o galardón este martes, o central marinense repasou a actualidade do conxunto lerezano. Recoñeceu que o equipo non atravesa o seu mellor momento, que a falta de gol é responsabilidade de todos as liñas, que o seu menisco non o fará parar e que hai que cortar a mala serie este domingo en Xixón para "non irnos descolgando e mirar cara arriba".
Despois de recoñecer sentirse orgulloso polo recoñecemento ao seu traballo, Churre admitiu que "o equipo non está nunha situacón boa porque levamos catro partidos sen gañar e non o esperabamos". Aínda así, recalca que o xogo mellorou nas dúas últimas xornadas.
Sobre a falta de acerto dos atacantes, Churre negou que sexa só responsbilidad dos dianteiros. "Os goles é como defender. Non van defender os catro defensas sós e os goles tampouco os teñen que meter só os delanterios. Teñen que aparecer os centrocampistas e os defensas a balón parado. Nesa faceta temos que ter máis agresividade, ser máis malos, máis xitanos como digo eu. Temos que mellorar todo o equipo", resolveu sen querer entrar a valorar a necesidade de buscar no mercado un dianteiro goleador.
Desde hai meses, o xeonllo do central granate leva dando síntomas de alerta. "O menisco téñoo un pouco tocado pero non me dá maior problema", matiza Churre que non ten pensado deixar de xogar. e iso que "se xogo en campos sintéticos, porque o chan é mais duro, ao acabar o partido ás veces non son capaz de apoiar ou dobrar o xeonllo". Con todo recoñece sentirse "bastante mellor do que esperaba".
A boa dinámica que iniciara o Pontevedra tras a marcha de Luismi, cortouse de forma abrupta en San Sebastián de los Reyes cunha goleada que fixo efecto na moral do equipo. "Logo veu o parón e custounos arrincar, fixemos un moi mal partido en casa contra o Eivissa, pero contra o Coruxo xa se viu un pequeno cambio. Un equipo máis compacto, máis na liña dun mes atrás, a de apertar arriba, de ser intensos, de xerar. Iso non debemos perdelo", subliña.
A pesar da mala serie, os granates seguen tendo moi preto a cuarta praza. "Está todo moi igualado, salvo os tres de arriba que son moi potentes con 22 xogadores moi bos para a categoría. Se enganchamos tres partidos metémonos arriba, pero tamén estamos a cinco ou seis de abaixo", advirte Churre para conter a euforia e lembrar aos seus a necesidade de sumar para evitar meterse de novo en problemas.