Churre aposta por manter o bloque no Pontevedra: "Canta máis xente poida renovar será moito mellor"

Pontevedra
05 de xuño 2019

O defensor marinense do Pontevedra, cuxa renovación está moi avanzada a falta de que se concrete e se faga oficial, espera a próxima tempada un equipo ambicioso e "sen medo" que pelexe desde a primeira xornada polos primeiros postos da clasificación

Víctor Vázquez 'Churre' na entrega do premio ao mellor xogador da tempada Mónica Patxot

Víctor Vázquez 'Churre' pon como "prioridade" a súa continuidade no Pontevedra Club de Fútbol

O central marinense, cuxa renovación está moi avanzada a falta de que se concrete e se faga oficial, asegurou este mércores na entrega do premio de xogador máis regular da tempada que "eles saben que eu non vou poñer ningún problema pero temos que chegar a un acordo", explicou en relación á negociación aberta co club.

Churre revela que "hai varias cousas", equipos interesados en facerse cos seus servizos, pero "primeiro vou esperar polo Pontevedra, non teño présa ningunha. Antes de falar con outros equipos primeiro quero saber o que vai pasar aquí".

A pesar de levar só unha tempada defendendo a elástica granate "parece que levo 10 anos", explicou pola "boa relación con todos tanto dentro como fose" e que supón "un punto a favor" para a súa continuidade.

O outro aspecto decisivo para querer seguir xogando en Pasarón son as aspiracións que o equipo teña a próxima campaña, despois de quedar ás portas de xogar polo ascenso a Segunda División, e aquí parece que o proxecto lle convence: "Todo futbolista quere xogar por estar arriba, se vas asinar por un equipo para non descender non firmas, eu no meu caso".

Por iso avisa con ambición que "este ano desde o principio que saiban os clubs que o Pontevedra vai cunha idea clara e sen medo".

En todo caso para lograr un plantel competitivo o defensor de Marín aposta por dar continuidade ao bloque do último curso: "A tempada boa que fixemos este ano creo que se debe en gran parte ao grupo que había, non había ningún xogador que fose Messi ou Cristiano Ronaldo, eramos xente humilde que saíamos ao campo e axudabamos ao de o lado". Por iso, "canta máis xente pode renovar será moito mellor", sentenciou Churre sobre o céspede do Estadio Municipal de  Pasarón