Choiva, barro e épica na segunda edición da Pontevedra 4 Picos

Pontevedra
16 de abril 2016

Un total de 1.883 ciclistas tomaron a saída este sábado na proba de BTT da Pontevedra 4 Picos. A choiva e o barro endureceron ao máximo a segunda edición, con 125 quilómetros de percorrido e ascensións ao Lago de Castiñeiras, A Fracha, Monte Acibal e A Escusa

Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail Diego Torrado

Épica. Así se pode definir a segunda edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail, polo menos na parte máis numerosa, a da BTT, celebrada este sábado no medio dunhas complicadas condicións meteolóxicas.

Pouco lle importou con todo a choiva e o barro aos 1.883 valentes que tomaron a saída do sector de ciclismo, repartidos na opción curta de 65 quilómetros e a longa de 125 quilómetros. Só a saída, desde o interior do Recinto Feiral, viuse modificada con respecto aos plans iniciais.

Nunhas condicións que endureceron aínda máis a proba e que fixeron a moitos desistir antes do final, os participantes limitáronse simplemente a gozar e sufrir, a partes iguais, encima da bicicleta. Todo iso pasando polos catro picos da carreira e que rodean a cidade, como son o Lago de Castiñeiras, A Fracha, Monte Acibal e A Escusa.

O primeiro en completar o percorrido longo foi Javier Busto, cun tempo de 6 horas, 14 minutos e 58 segundos, seguido de Alberto Túñez e Brandán Márquez completando o podio xeral dunha carreira que, a pesar de todo, non era competitiva.

A Pontevedra 4 Picos Bike & Trail complétase este domingo coa carreira de montaña ou Trail, na que se inscribiron 351 deportistas.