Charles oficializa a súa continuidade en Pasarón cunha mensaxe de perdón cara á afección granate

Pontevedra
26 de maio 2021

O dianteiro publicou en Instagram unha fotografía do equipo no vestiario acompañada dun texto no que se desculpa pola mala tempada asinada polo equipo e anuncia a súa intención de seguir "dando guerra" o próximo ano

Charles, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón Cristina Saiz

Foi a fichaxe máis ilusionante que se lembra a beiras do Lérez. O regreso do fillo pródigo. Charles volvía a Pasarón cunha mochila cargada de éxitos e goles en primeira división para saldar unha débeda pendente: lograr o ascenso a Segunda División co equipo do seu corazón, o Pontevedra. Pero como na vida, no fútbol as cousas non sempre sae como un prevé e o soño converteuse en pesadelo.

A tempada resultou un fracaso e o cadro granate caeu a 2ª RFEF. Pero lonxe de arrepentirse da súa chegada ou agachar a cabeza, o dianteiro brasileiro dá a cara. Nunha publicación na súa conta de Instagram, Charles pide perdón á afección pola tempada e fai pública a súa intención de seguir ligado ao Pontevedra o próximo ano para seguir "dando guerra". 

"Termínase a tempada máis dura en todos os aspectos que pasei na miña vida, tanto no persoal como no profesional. Só queda pedir perdón á nosa afección e a todos os que queren a este gran club. Pero temos que pensar positivo e seguir loitando porque isto non para . O ano que vén seguiremos dando guerra!!!", escribiu o brasileiro na súa publicación.

As reaccións de agradecemento, ánimo e xúbilo por parte da afección e dos que foron os seus compañeiros durante a campaña recentemente finalizada non se fixeron esperar. "Es un exemplo", respondeulle Borja Martínez; "que pracer terche aquí", compartiu Romay; "exemplo, amigo", de Pitu; ou un simple e contundente "ídolo", de Martín Diz. Unha colección de comentarios que deixan clara a ascendencia, respecto e admiración que marca Charles no vestiario.

Porque o ariete é consciente de que a tempada non saíu como esperaba tanto a nivel particular como colectivo. Pechou a súa conta anotadora con 5 tantos, todos de penalti, e con problemas físicos que lle impediron ofrecer a súa mellor versión nas últimas xornadas. Algo que está disposto a contrarrestar o próximo ano. 

Con todo, a lenda do Pontevedra terá que pasar tamén pola clásica rolda de contactos entre plantel e club para consensuar a súa situación e seu papel dentro da institución para o próximo ano.