Charles iguala a Neme como segundo máximo goleador histórico do Pontevedra

Pontevedra
29 de novembro 2021

Co seu gol ante o Arosa o dianteiro brasileiro suma 72 dianas en partidos de Liga e Copa, igualando a un mito do club como Neme, futbolista granate que foi internacional coa Selección Española defendendo ao club da Boa Vila. Por diante xa só figura o canteirán Pablo Couto

Charles celebra o seu gol no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Coruxo Cristina Saiz

O gol conseguido ante o Arosa foi especial para Charles Dias de Oliveira. Primeiro por dar tres importantes puntos aos granates, pero tamén para consolidarse como pichichi do Grupo I da Segunda RFEF e, sobre todo, por subir un chanzo máis no ranking histórico da entidade que demostrou levar no corazón.

Co tanto o dianteiro brasileiro colocouse no segundo lugar da clasificación de máximos goleadores históricos do Pontevedra, empatando cun mito como Neme, único futbolista que xunto con Martín Esperanza chegou a ser convocado pola Selección Española Absoluta mentres defendía a granate.

Entre Liga e Copa, nas súas dúas etapas na Boa Vila, Charles suma 72 goles en 230 partidos, os mesmos que logrou Neme desde a campaña 64-65 á 72-73 no seu caso en 232 encontros, coincidindo coa mellor época do club a cabalo entre a Primeira e Segunda División.

Por detrás queda xa un nome como o de Javi Rodríguez (71 tantos) e por diante só aparece outro, o do canteirán Pablo Couto, que conseguiu anotar co club da súa cidade 83 goles en 304 partidos.

A 11 goles por tanto está xa Charles de inscribir o seu nome con letras de ouro e brillantes na historia do Pontevedra, unha cifra que non parece para nada imposible a teor do gran rendemento e estado de forma que está a mostrar esta campaña, na que xa suma 10 tantos cando non se chegou nin ao ecuador da competición.